Betaworks vende Instapaper a Pinterest

martes, 23 de agosto do 2016 Marcus Fernández

Para facilitar a consulta posterior de contidos interesantes que atopamos na Rede a primeiros de 2008 Marco Arment fundou Instapaper, ferramenta para gardar para despois contido da web que está dispoñible tanto vía web como para lectores de libros electrónicos e dispositivos móbiles, e que en 2013 pasou a mans de Betaworks, compañía que vén de vender o servizo a Pinterest.
Nos últimos anos Instapaper experimentou grandes cambios e melloras, converténdose nunha ferramenta de grande utilidade para moitos usuarios repartidos por todo o mundo, e dende Pinterest consideraron que a súa plataforma e Instapaper tiñan elementos en común (ambos servizos collen contidos interesantes da web), polo que consideraron interesante unir forzas, aínda que mantendo ambas marcas por separado, de xeito que o usuario non percibirá cambios tras a adquisición, sendo as repercusións da compra algo que afectará principalmente ao talento detrás de Instapaper, xa que o persoal deberá deixar a sede de Betaworks en New York e trasladarse aos cuarteis de Pinterest en San Francisco.
O que si desaparecerá e o servizo de pagamento para desenvolvedores Instaparser, que achegaba unha experiencia de navegación web ultrarrápida para os seus usuarios finais (extraendo o esencial de cada páxina web), e que deixará de estar dispoñible o 1 de novembro.

PUBLICIDADE