BitTorrent chega ao iPhone en Europa

mércores, 24 de xullo do 2024 Marcus Fernández

A estrea de tendas de aplicacións de terceiros para iOS na Unión Europea fixo posible que aplicacións ás que Apple pechara a porta poidan agora ver a luz, e aínda que a AltStore PAL estea a ter un arranque demasiado pausado, parece ser que por fin os usuarios dun iPhone van poder descargar ficheiros a través de BitTorrent.
Dende a AltStore PAL están a informar da incorporación de iTorrent, aplicación que permite a descarga de ficheiros a través de BitTorrent, converténdose na primeira aplicación oficial para tal fin; aínda que esta aplicación non chega soa, senón que vén acompañada por qBitControl, que non se trata dun cliente de BitTorrent en si mesmo, senón dunha aplicación de control remoto da aplicación para ordenador qBitorrent, o que facilita que os usuarios poidan controlar as súas descargas cando non están diante do ordenador.
A maiores tamén estrean PeopleDrop (unha aplicación para coñecer a persoas que estean preto) e UTM SE (unha ferramenta para correr máquinas virtuais de sistemas vellos).