Blogueiros referenciais do eido culinario darán a coñecer as propiedades do queixo galego de tetilla

venres, 20 de maio do 2016 Redacción

Hoxe celébrase en Santiago a xornada #blogtripqueixotetilla, que organiza o Consello Regulador da Denominación de Orixe Queixo de Tetilla co obxectivo de “mellorar o coñecemento do produto e a súa demanda fóra de Galicia”. No evento participan, amais de profesionais de todos os ámbitos dos sectores alimentario, turístico e hostaleiro, dez xornalistas e blogueiros especializados en gastronomía. Outra das finalidades do evento é “dar a coñecer a expertos da Rede a orixe, propiedades, proceso de elaboración e posibilidades culinarias do Queixo de Tetilla”, en palabras da organización “un produto do que existen testemuños históricos desde o século XVIII e que é sen dúbida una das xoias da gastronomía galega”.
Ademais, engade o Consello Regulador, trátase dun queixo que achega actividade laboral e empresarial a máis de 1.800 produtores e 38 elaboradores regulados, sendo a produción anual de arredor dos dous millóns de pezas. No evento participou Belén María do Campo Piñeiro, directora xeral de Gandeiría, Agricultura e Industrias Alimentarias da Xunta de Galicia. A xuntanza inclúe a visita a unha fábrica elaboradora inscrita no Consello Regulador, unha cata comentada e un obradoiro no que os participantes poden descubrir por si mesmos o proceso de elaboración do queixo. As actividades completaranse cun showcooking a cargo do cociñeiro Xosé Torres Cannas, chef de Pepe Vieira, restaurante situado en Poio (Pontevedra) conta cunha estrela Michelín.

PUBLICIDADE