Bluesky por fin permite publicar vídeos
mércores, 11 de setembro do 2024
A prohibición de X no Brasil levou a millóns de usuarios a buscar alternativas na Rede, e curiosamente moitos destes usuarios foron parar a unha plataforma recente e de uso moi reducido, Bluesky, que o pasado 4 de setembro tivo que saír a anunciar que en poucos días rexistraron máis de 2,6 millóns de altas, das que o 85% proviñan do Brasil.
Este crecemento disparado levou a que dende Bluesky respondesen anunciando novidades para así poder manter o interese dos usuarios que atopaban que as posibilidades da plataforma eran aínda moi limitadas, por estar moi inmatura. De feito, sorprende que unha plataforma social que leva preto de 3 anos funcionando anuncie hoxe que por fin permiten publicar vídeos.
Agora, os usuarios de Bluesky poden facer publicacións con vídeos de até 60 segundos de duración, que inicialmente se reproducirán de xeito automático (o que pode mudarse na configuración da aplicación). Tamén ofrecen a posibilidade de incluír subtítulos nos vídeos, aínda que esta prestación bota a andar con limitacións que probablemente vaian mudando pouco a pouco (como un límite de 25 vídeos ou 10 GB de vídeo compartidos ao día).
Actualmente estímase que Bluesky ten unha base de usuarios próxima aos 9 millóns, o que segue a ser unha cantidade cativa, pero moi superior á de hai uns meses, polo que segue a ser unha incógnita se Bluesky poderá sobrevivir a longo prazo, aínda que converterse nun foro social de peso no Brasil podería ser un elemento que facilite a súa supervivencia (aínda que tamén podería ser xusto o contrario, pois non podemos esquecer que Google pechou Orkut cando máis da metade dos seus usuarios eran brasileiros, deixando claro que algúns países non teñen peso á hora de manter a viabilidade económica nunha plataforma en liña).