Boomerang é a nova ferramenta de Instagram para crear breves vídeos en bucle

venres, 23 de outubro do 2015 Marcus Fernández

Dende Instagram non se conforman con ser unha das plataformas sociais de maior crecemento no móbil, e continúan a lanzar novas aplicacións, sorprendéndonos esta semana con Boomerang from Instagram, unha nova aplicación de vídeo que podemos descargar de balde para iOS e para Android e busca crear divertidos fragmentos de vídeo cunha duración máxima de 4 segundos para que despois os compartamos en Instagram e noutras plataformas en liña (xa que o vídeo queda gravado no carrete da cámara do móbil).
Os vídeos que crea Boomerang non só son breves, senón que buscan impactar co seu xeito de reprodución, xa que corren constantemente cara a diante e cara atrás nun simpático bucle que en certas situacións pode resultar divertido de ver ou, simplemente, curioso.
Aínda que o resultado que temos con esta aplicación é un vídeo, realmente a aplicación o que fai é disparar 10 fotografías, que une e xera un vídeo eliminando os saltos, conseguindo así un agradable efecto conseguido fusionando dúas técnicas (os bucles de vídeo e o hyperlapse).

Vídeo de presentación de Boomerang from Instagram

PUBLICIDADE