Bota a andar en Ourense unha campaña para visibilizar a demanda de competencias dixitais no mercado laboral

venres, 29 de abril do 2016 Redacción

Esta mañá participaron na inauguración en Ourense da segunda campaña 1 mes, 1 profesión dixital, o alcalde, Jesús Vázquez, o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez, e Mar Pereira, directora da AMTEGA, quen sinalou que a rápida evolución tecnolóxica destes anos xerou a demanda de habilidades e competencias dixitais en todos os sectores e, por iso, é fundamental tanto fomentar vocacións tecnolóxicas como ofrecer á cidadanía ferramentas para a capacitación dixital.
Este primeiro encontro aborda o Big Data e, ao longo do ano, desenvolveranse seis xornadas en total. Os asistentes á xornada de hoxe, a través das intervencións de destacados expertos e profesionais na materia, puideron afondar nas novas competencias e habilidades profesionais que se están a demandar no mercado laboral actual ao redor do Big Data (datos masivos), debullando as características e requisitos das súas funcións profesionais, tanto de xeito individual coma nun debate conxunto e aberto ao público.
A primeira intervención da xornada correu a cargo de David Losada, director do Master Big Data da USC, ao que sucedeu un relatorio sobre Boas Prácticas en Big Data, a través das experiencias de Abanca e PSA Groupe, impartido por Adolfo de la Torre, experto en Infraestrutura IT de PSA Groupe, quen disertou ao redor dun relatorio cuxo título é Do Big Data ao Smart Data, tecnoloxía e conceptos e por parte de Abanca interviron Jorge García Romarís e José Valiño. Como remate da xornada desenvolveuse un debate entre os relatores e o público.

PUBLICIDADE