Bota a camiñar este sábado o programa Trekker Monte Pindo

xoves, 12 de xaneiro do 2017 Fernando Sarasketa

O programa Trekker Monte Pindo, unha iniciativa tecnolóxico-paisaxística de protección e de recoñecemento na que participa activamente o xigante de Internet Google, colle novos e importantes folgos. Segundo nos conta a Asociación Monte Pindo, firme valedora desta paraxe do concello de Carnota e da súa blindaxe medio-ambiental e paisaxística como Parque Natural, o dito programa arrinca esta fin de semana cunha xuntanza á que están convocados todos aqueles voluntarios que desexen botar unha man na visualización, salvagarda e rexistro do macizo carnotán. A cita será no salón de actos do consistorio, o sábado 14 ás 20.00 horas. Como lembraremos, en Trekker Monte Pindo colaboran Google e Monte Pindo Parque Natural co fin de pendurar en Google Maps e Google Earth as distintas rutas do Monte Pindo e da súa contorna.
Con esta reunión, a Asociación Monte Pindo espera obter unha proposta de calendario das que serán as tarefas de mapeo físico das rutas, que se prevé que se desenvolvan ao longo do mes de abril. Segundo informa a dita entidade, esta proposición de datas de roteiros será remitida a Google para a súa aprobación, ao que seguirá a sinatura dun acordo de colaboración “no que serán concretados todos os aspectos legais da iniciativa”. Con esta, a asociación agarda fornecer aos internautas, este mesmo ano, os recursos precisos para percorreren desde calquera punto do mundo as rutas que percorren o Monte Pindo, o municipio de Carnota e a súa contorna. Isto farase a través de andainas polas distintas sendas con voluntarios carrexando a cámara Google Street View e rexistrando desta maneira cada detalle das mesmas e da paisaxe pola que discorren.
Segundo lembra a entidade con sede en Carnota, a día de hoxe xa hai inscritos no programa Trekker Monte Pindo unha ducia de persoas voluntarias, ás cales se dirixe prioritariamente o convite, “mais a reunión do sábado ten carácter aberto polo que calquera persoa pode asistir”.
Lembrar que os apoios de Google non se limitan ao subministro deste material e a dispoñibilidade dos seus servizos. En outubro deste ano, o xigante buscador recoñeceu oficialmente a existencia do Parque Natural do Monte Pindo. E fíxoo, segundo informou a asociación equiparándoo en importancia con outros parques naturais “oficiais” existentes na nosa terra.

PUBLICIDADE