Broken Age e Super Meat Boy destacan entre os xogos de PS Plus do mes de outubro

mércores, 30 de setembro do 2015 Marcus Fernández

Sony continúa a manter un perfil baixo nos xogos que ofrece sen custo adicional aos subscritores de PlayStation Plus, e anuncia a relación de videoxogos que engadirá á biblioteca instantánea dos seus usuarios a partires do 6 de outubro, data na que destacan que retirarán a Edición PS Plus de DRIVECLUB.
O xogo máis salientable de outubro é a aventura gráfica Broken Age, que pode instalarse en PS4 e PS Vita, e que é o primeiro xogo deste xénero creado por Tim Schafer en 16 anos e que actualmente está á venda por 24,99 euros. Temos así unha aventura clásica do creador de Grim Fandango que destaca polos seus gráficos feitos a man, o seu sentido do humor e numerosos quebracabezas. Para as mesmas plataformas chega tamén Super Meat Boy, todo un clásico que vai estrearse para as consolas de Sony a través de PS Plus, permitindo así o goce dun título que tivo grande éxito en PC e Xbox 360, pero que estivo ausente da PS3.
Continuando con títulos independentes teríamos Unmechanical: Extended Edition, xogo de plataformas e quebrazabezas compatible con PS4 e PS3; Kickbeat, un xogo de ritmo para PS3 e PS Vita; o curioso Kung Fu Rabbit, tamén para PS3 e PS Vita; e Chariot, para PS3. En definitiva, unha selección de xogos que pasarían totalmente desapercibidos para a meirande parte dos xogadores se non fose porque os recibirán sen custo adicional durante un mes.

PUBLICIDADE