Cae a desconfianza para mercar roupa de moda en liña, segundo un estudo de Elogia
xoves 29 de xullo do 2010, por | |
| Compartir |
Elogia, axencia de medios dixitais con importante presenza galega no seu capital humano (procedente sobre todo de GaliciaBanner), vén de publicar un completo estudo de mercado sobre os comportamentos dos internautas á hora de mercar artigos de moda a través da Rede. O informe, elaborado con motivo da Geek Caffeine 2010 Fashion Edition, desenvolveuse sobre unha base de 700 persoas enquisadas. O seu obxectivo é entender o perfil e os hábitos dos actuais compradores de moda en liña, e tamén dos non-compradores. O estudo, como era de agardar, achega unha serie de cuestións que xa se sabían ou xa se supoñían e outras novas das que non se tiña constancia. Por exemplo, que as camisetas son o artigo máis vendido na Rede, seguidas por zapatos, roupa interior e vestidos; ou que eBay é o sitio de venda dixital de referencia para os homes e os clubes en liña como Privalia ou BuyVip son o equivalente para as mulleres, ao igual que La Redoute ou Venca.
Tamén sorprende o moito que está a medrar a compra de roupa a través da Rede, e máis cando nos primeiros tempos da mesma se tiña constatado certa desconfianza por parte dos internautas.
O caso é que segundo o estudo, preto da metade das persoas enquisadas afirmaron ter mercado dixitalmente un artigo de moda durante o último ano. De entre estas persoas, salientan sen dúbida as mulleres e os usuarios máis novos, que son por así dicilo os compradores habituais. O informe tamén achega información sobre os motivos para comprar a través de Internet, motivos que radican na comodidade de facer operacións remotas e na posibilidade de atopar ofertas diferentes ás das tendas físicas. O importe medio declarado de adquisicións de artigos de moda en liña é duns 200 euros. No que respecta á fiabilidade da Internet, dicir que unicamente o 2% das persoas que participaron no estudo rexistraron problemas frecuentes nas compras en liña.
Pola contra, as razóns para non mercar nada na Rede deste xénero teñen que ver coa desconfianza que inspira o feito de non ter a roupa diante, amais de non ofrecérselles aos internautas a posibilidade de probala antes de adquirila.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68














