Caixa Rural Galega achega unha aplicación para xestionarmos tarxetas bancarias nun só lugar

mércores, 5 de agosto do 2015 Redacción

Caixa Rural Galega puxo en marcha un novo servizo tecnolóxico, accesíbel a través de wallet.ruralvia.com, que permite aos clientes levar a cabo pagamentos e outras operacións con tarxeta dende o seu dispositivo móbil. O servizo Ruralvía Wallet da entidade bancaria galega posibilita que gardemos e xestionemos as nosas tarxetas bancarias nun único espazo. Tamén deixa marxe para que elixamos cal das tarxetas queremos empregar e, como era de agardar, para realizarmos as operacións de costume cunha entidade bancaria, como por exemplo consultar movementos. Ruralvía Wallet está dispoñíbel para os dispositivos con sistema iOS ou Android.
Para empregar o servizo, primeiro temos que descargar a aplicación en Apple Store ou en Google Play Store e logo solicitar o cartón dixital en Ruralvía. A continuación recibiremos na nosa casa unha tecnoloxía NFC que nos permitirá, efectivamente, pagar co noso trebello móbil achegándoo ao terminal de venda do establecemento con sistema Contactless. Respecto da seguridade incorporada, o servizo inclúe un recurso para que só se poida acceder á aplicación empregando as claves e contrasinais de conexión a Ruralvía, co que se desbota o acceso por persoas alleas en caso de que se perda o aparello.

PUBLICIDADE