Cancelan as versións para Mac e Linux de Batman: Arkham Knight

xoves, 4 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

Se un xogo de primeira liña deu problemas na súa versión para ordenadores persoais nos últimos anos deu especiais problemas, non parece haber ningunha dúbida de que este foi Batman: Arkham Knight, que era a despedida de Rocksteady a esta grande saga que tan boa aceptación tivo de crítica e público, e que claramente estreou unha versión para PC sen rematar, que forzou á súa retirada das tendas, para relanzala bastantes meses despois, para frustración de moitos compradores que tamén tiveron que padecer retrasos na dispoñibilidade dos contidos descargables para o xogo (conxelados até o seu relanzamento).
Agora que parecía que Batman: Arkham Knight xa era un título libre de grandes problemas, chega unha mala nova para os que estaban a esperar a adaptación deste xogo a novas plataformas, xa que dende Warner Bros Interactive anuncian a cancelación das versións para OS X e Linux deste xogo, recomendado aos xogadores que o reservasen que soliciten a devolución dos cartos.
É habitual que as versións para Mac ou Linux dun xogo chegue máis tarde do esperado, pero non é tan habitual que, tras anunciarse o seu desenvolvemento, este cancélese, aínda que esta franquía xa tivo problemas semellantes no pasado, e na anterior entrega, Batman: Arkham Origins, a versión de Wii U xa veu como se cancelaba o seu pase de tempada, para frustración dos que decidiran facerse co xogo na consola de Nintendo.

PUBLICIDADE