Carballo convoca un certame específico de webseries

martes, 4 de febreiro do 2014 Redacción

Fotograma da webserie galega <em>Segue buscando</em> de Funboa EscénicaNun tempo en que a tendencia das administracións de calquera índole é a de desatender a cultura, non deixa de ser chocante que haxa administracións que optan pola vía contraria. E non só iso, senón que ademais apostan pola innovación e máis polo galego, un traxe que a moitas institucións quédalle grande. Ou simplemente lonxe. O Concello de Carballo vén de xuntar estes ingredientes, e algún outro a maiores como o ingrediente divulgador e formativo, e vén de pór en marcha a primeira edición do Festival de Webseries Carballo Interplay (CIP). De que se trata? Pois basicamente de reivindicar e impulsar a nosa creatividade arredor dunha linguaxe-formato que sobe coma a escuma: a das webseries.
O concurso, que repartirá 5.000 euros en galardóns, situará a Carballo como unha das primeiras poboacións do Estado onde se leve a cabo un evento audiovisual destas características. Porque cómpre que teñamos en conta que, malia o interese masivo que está a xerar este xénero entre os seareiros do audiovisual, aínda non se contaba cun festival propio e específico.
Para o Concello de Carballo, este evento enche un baleiro importante na nosa terra e alén dela, ao tempo que aposta pola creatividade, a cultura e o pulo ás industriais culturais. O festival, que se desenvolverá do 24 ao 27 de abril, incluirá proxeccións pero tamén obradoiros, charlas, clases mestras, mesas redondas e actuacións musicais. Previamente, haberá un taller de webseries con rapaces do concello. O que saia deste obradoiro amosarase tamén no festival. Neste poderán participar achegas a audiovisuais desenvolvidas entre os anos 2012 e 2014 e procedentes de calquera recanto de España. Esíxese que teñan polo menos tres capítulos emitidos no intre de presentarse no certame. A duración, o tema e o xénero é libre. Premiarase a mellor produción de imaxe real con 1.500 euros, a mellor webserie de animación con 1.500 e a mellor webserie galega con 1.000 euros. A maiores, haberá un galardón do público que inclúe outros 1.000 euros.

PUBLICIDADE