Carballo ponse no epicentro da creación de contidos dixitais co seu Festival Interplay

venres, 17 de abril do 2015 Redacción

Finalmente comezou en Carballo a edición 2015 do Festival Interplay (CIP15), que é un certame pioneiro a nivel galego e estatal sobre un fenómeno tecnolóxico e audiovisual que non só está aquí para ficar, senón para espallarse e meterse nos nosos fogares: o fenómeno das webseries. O festival, que se desenvolve no Pazo da Cultura e no Fórum Carballo até o 18 de abril, constitúe en boa medida un escenario duplo: un espazo para a proxección de obras audiovisuais de vangarda (que cinguen as características das series tradicionais cos modernos xeitos de distribución e fornecemento que subministran as TIC) e un espazo para o intercambio de experiencias e puntos de vista sobre o feito de fabricar webseries. En realidade, Interplay é hoxe por hoxe un gran escaparate de contidos dixitais galegos, estatais e de terras tan afastadas como México, Arxentina, Francia ou Reino Unido.
Segundo fixo saber o Concello de Carballo (organizador do certame) na inauguración do festival, "o Concello quere apostar polo gris, pero non polo gris do cemento, senón neste caso pola materia gris" e pola cultura. Na apertura, amais do concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, tamén estiveron presentes a directora do festival, Sonia Méndez; os padriños, Teresa Segura e David Sainz, da serie Malviviendo; e os convidados especiais do CIP15, Xavi Daura e Esteban Navarro de Venga Monjas. O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, subliñou no acto de inauguración que "Carballo está limitando co mundo e estamos encantados de que estes días o mundo limite con Carballo", nun festival que se converte nun "espazo vivo, alegre e ilusionante" o que xustifica, dixo, que "pague a pena seguir loitando pola mocidade e polos novos valores".
Polo que respecta ao programa, sinalar que abriu fogo coa estrea nocturna de dous produtos audiovisuais: o capítulo 1x06 de Entertainment, titulado La reunión; e a comedia Searching for Meritxell, de Burnin’’ Percebes e Venga Monjas. A xenda do venres 17 comeza ás 10.00 horas no Fórum Carballo cunha clase mestra con Belén Santa-Olalla sobre Webseries e Conducttr - Claves e trucos para conectar coa audiencia. Sinalar que Conducttr é un software para crear e manter audiencia e que “busca adquirir, activar e outorgarlle unha experiencia diferente ao público”, explica a organización do certame, que tamén recorda que Belén Santa-Olalla é consultora creativa de Conducttr e ten experiencia traballando con solucións de mobilidade, creatividade transmedia e desenvolvemento de experiencias interactivas e de universos narrativos.
Seguindo co programa, sinalar que o Fórum acolle ás 12.00 horas unha charla con Joan Carles Martorell (2btube) sobre Youtubers, profesionalización e produción de contidos no tubo tolo. O relatorio tratará en boa medida sobre o papel da televisión tradicional a día de hoxe (como perde público por debaixo dos 25 anos) e sobre o rol que desenvolve neste panorama a canle YouTube (un novo prime-time cun ecosistema profesional completamente novo). Lembrar que Joan Carles Martorell é licenciado en Comunicación Audiovisual pola UAB. Realizador audiovisual e produtor multimedia, ten dirixido curtametraxes (premiadas internacionalmente), televisión e proxectos web, ademais de ser colaborador docente en varios centros universitarios. Xa ás 13.00 horas ten lugar a segunda edición do coloquio aberto con creadores Vermú con CREA, un encontro informal entre creadores froito da colaboración entre o Carballo Interplay e CREA, a Asociación de Directores e Realizadores de Galicia.
Xa pola noite celébrase o InterFight: I Encontro de labazadas audiovisuais, unha especie de regueifa entre os proxectos Malviviendo e Venga Monjas, presentado por Enrique Lojo e Daniel Vilaverde. Segundo informa a organización, “a través dunha serie de probas, os contrincantes debullarán os seus vídeos favoritos de Internet, porán a proba os seus coñecementos sobre Youtube e tentarán devolverlle os golpes ao adversario”. Despois de cear, ás 23.00 horas, a Sala Dublín pon a nota lúdica cunha sesión golfa con Poetarras. Recordar que Poetarras, amais dun proxecto audiovisual e artístico é un colectivo arterrorístico formado por Manuel Gago, Rubén Lino e Daniel Vilaverde. Naceu en 2013 logo dunha noite de esmorga a base de licor café e Galicolas. Os 3 mozos decidiron facerlle a competencia a Resistencia Galega e converterse no referente da loita armada do pobo galego, aínda que tiveran que renunciar ao traballo e á parella que non tiñan. As súas armas son sketches e cancións, humor e música, retranca e melodías.

PUBLICIDADE