Carlos Garrido e Carles Riera publican a segunda edición do Manual do Galego Científico

venres, 20 de maio do 2011 Fernando Sarasketa

En ocasións, as persoas que traballan comunicando en galego cuestións ligadas á ciencia e ao tecnolóxico (por exemplo as persoas que traballan nesta mesma casa), teñen series dúbidas sobre como desenvolver o seu labor da maneira máis axeitada. Que como se debería dicir isto na nosa lingua, que de que xeito se pode fuxir da excesiva presenza dos termos que derivan do inglés, etc. A listaxe de autopreguntas é interminable. Visto o visto, son precisos materiais que nos axuden a tódolos implicados, contribuíndo tamén á normalización do galego no ámbito científico-tecnolóxico. Este é un dos cometidos de Carlos Garrido e Carles Riera, profesores da Universidade de Vigo e da Ramón Llull de Catalunya (respectivamente), que veñen de lanzar a segunda edición do Manual de Galego Científico.
Trátase dun manual de máis de 600 páxinas que inclúe, entre outras moitas cousas, unha extensa sección dedicada ao estudo da morfosintaxe da lingua especializada para o cultivo eficaz do galego. A obra, que xa está nas librarías, vén a cubrir importantes ocos bibliográficos no noso país. De feito, segundo fixeron saber os seus responsables, con este libro preténdese crear un compás que guíe a redactores técnicos, investigadores, docentes, tradutores, xornalistas ou lingüistas no enleado camiño de comunicar ciencia e tecnoloxía na nosa lingua. Este eido, sinalan nunha reportaxe feita por Noemí Rey para o xornal da Universidade de Vigo, ten pouca representación, tal e como se pode ver a pouco que afondemos na materia, por exemplo no eido dos prospectos en galego, que son inexistentes, malia vivirmos nunha sociedade bilingüe, cun idioma cooficial. Así, “un documento de carácter tan crítico como pode ser a información sobre un fármaco”, sinala Garrido, “non está a nosa disposición”.
Cómpre sinalar que primeira edición desta obra naceu en 2000 editada pola Associaçom Galega de Língua (AGAL) co fin de habilitar dun xeito o léxico especializado abordando de forma didáctica os aspectos máis significativos da prosodia, da morfoloxía e da semántica. A obra serviu de alicerce para varios cursos de galego tanto científico como técnico na propia Universidade de Vigo. Esta segunda edición, que a xuízo dos seus responsables dá acubillo a un rico repositorio da configuración científico-técnica do idioma, achega “a única vía con futuro que poden empregar os usuarios de galego culto e especializado, xa que a coordinación lingüística galego-portuguesa pola que avoga o manual representa para o galego unha garantía de proxección que lle permiten vencer a súa degradación e traspasar os estreitos límites que hoxe comprometen a súa supervivencia”.

PUBLICIDADE