Celebramos o noso 14º aniversario apostando polo vídeo

sábado, 25 de xullo do 2015 Marcus Fernández

A data do 25 de xullo non é para nós só motivo de celebración por ser o Día de Galicia, senón tamén porque un día como o de hoxe, en 2001, foi cando naceu a web de Codigocero.com, polo que normalmente é un momento no que botamos a vista atrás e contemplamos con certa vertixe o moito que aconteceu nestes últimos anos e os grandes cambios que experimentou o sector TIC galego.
Habitualmente aproveitamos esta data para lanzar algún contido especial, e desta volta, a nosa elección foi estrear unha canle de vídeos que publicaremos en YouTube con certa regularidade que baixo a marca Codigo.gal queren abrir unha fiestra ao sector tecnolóxico galego con reportaxes, entrevistas e outros contidos que agardamos que sexan do agrado do noso público.
Nas vindeiras semanas iremos publicando distintos tipos de contidos para analizar a resposta e ver o camiño que deberiamos percorrer nos vindeiros meses con esta nova iniciativa audiovisual.
Aproveitamos a ocasión para agradecer a todos os que nestes anos nos apoiaron e empregaron as nosas publicacións en papel e en liña para estar ao día do que acontece no panorama tecnolóxico galego e global. Grazas por seguir aí.


Iniciamos a nosa nova serie de vídeos cunha reportaxe sobre algúns proxectos desenvolvidos no CITIC en 2014

PUBLICIDADE