Celebran un día temático sobre Pokémon na Coruña

venres, 29 de agosto do 2014 Marcus Fernández

A Asociación Cultural Mangalego, dinamizadora da cultura otaku na cidade da Coruña dende primeiros de 2008, vén de renovar a súa páxina web, cunha nova aparencia e novos foros, á vez que convocan á mocidade local a participar no seu Día Temático Pokémon este sábado, nunha xornada de actividades dedicada á popular saga de Nintendo no Centro Cívico Monelos.
As actividades de mañá desenvolveranse entre as 16:30 e as 20:15 horas, incluíndo unha charla sobre Pokémon competitivo (Como construír un bo equipo competitivo), unha introdución ao xogo de cartas de Pokémon, partidas libres a Pokémon Stadium para Nintendo 64 e unha proxección temática de Pokémon XY. Tamén animan aos asistentes a acudir coas súas consolas Nintendo 3DS coas edicións X e Y de Pokémon para botar unhas partidas.
Non é a única actividade relacionada co mundo dos videoxogos que teñen programa dende Mangalego, senón que o sábado 6 tamén convocan de 16:30 a 20:30 horas aos afeccionados a participar nun torneo do xogo Naruto Ninja Storm 3 para PlayStation 3, actividade que terá un custo de 1 euro (aínda que a participación será de balde para os socios).

Mangalego renovou nos últimos días a súa páxina web

PUBLICIDADE