Chega a Trasnada 14.0: software libre en galego

venres, 21 de novembro do 2014 Redacción

As indicacións para chegarmos en Pontevedra á nova edición da Trasnada

Trasno anunciou os días pasados a chegada da Trasnada 14.0, que terá lugar este sábado 22 de novembro no Centro Social do Gorgullón (Pontevedra), grazas á colaboración da Asociación Veciñal Eduardo Pondal. Cómpre dicir que estas xornadas están abertas aos membros do Proxecto Trasno e, por suposto, a calquera que queira coñecer esta iniciativa (unha iniciativa cooperativa de difusión de programas abertos e localización ao galego dos mesmos) de primeira man ou mesmo colaborar con ela.
En canto ao programa, dicir que a sesión da mañá comezará as 10.30 e durará até as 14.00 horas. Está encamiñada á celebración da asemblea da asociación e aos que están no campo de localización e queiran propoñer ou debater terminoloxía a empregar. Asemade, de 12.00 a 13.00 horas, ensinarase a configurar e preparar un proxecto de tradución de software libre, ou resolver as dúbidas xurdidas do mesmo.
E achegándonos un pouco ás Trasnadas, dicir que se trata de reunións presenciais de debate e asentamento terminolóxico. Son sesións de traballo co obxectivo de axilizar e consolidar a discusión terminolóxica que decote realizan os membros de Trasno por medio da súa listaxe de correo sobre da nova terminoloxía que xorde no software libre para así fixala. Nestes encontros tamén se aproveita para planificar o futuro dos proxectos de localización nos que están a traballar (ie., dende Debian, GNOME, KDE a LibreOffice).
Este asentamento terminolóxico é unha das grandes contribucións que o Proxecto Trasno achega á normalización da nosa lingua nas TIC, pois supón un gran avance de cara á homoxeneización das traducións ao galego nos diferentes proxectos de localización de software libre e da súa calidade.
Por último, informar que dende a organización animan a asistir ao evento ou a participar no mesmo a través das redes sociais e contribuír así a esta importante tarefa. Todos aqueles interesados que non poidan asistir, teñen aínda a posibilidade de seguir o evento a través da rede, colaborando polas canles IRC do proxecto (#proxectotrasno en freenode). As novas que se vaian producindo iranse subindo aos perfís de Trasno nas redes sociais.

PUBLICIDADE