Chega a nova versión de Ubuntu (a 16.04) e cun alto nivel de tradución ao galego

luns, 2 de maio do 2016 Redacción

Os días pasados foi lanzada a nova versión do sistema aberto Ubuntu, hoxe por hoxe para moitos usuarios TIC a principal alternativa open source (e sen dúbida unha das máis competitivas) ás diferentes facianas de Windows. Falamos da versión 16.04 (LTS), novamente na nosa lingua grazas ao traballo do equipo galego do UGT (Ubuntu Galician Translators) que mantén o seu traballo de localización nun nivel do máis salientábel, entre os 20 primeiros do mundo, segundo lembran dende o colectivo Trasno “por riba de linguas coma o chinés ou o alemán cunhas comunidades de usuarios e colaboradores moito máis numerosas”. De feito, a nova versión está dispoñíbel en galego ao 93% . Lembrar que esta porcentaxe atinxe tanto ao software do ambiente de escritorio coma do novo sistema móbil.
Respecto dalgunhas das principais novidades que achega a versión Ubuntu 16.04, sinalar que é compatíbel con paquetes Snappy (co obxectivo de preparar o sistema operativo para Unity 8 e para unha vindeira integración coas ferramentas dos dispositivos móbiles, “apuntando á converxencia de sistemas”), que está baseada en Linux Kernel 4.4 (con asistencia de longa duración), que acubilla a versión 48 de Chromium e a 45 de Firefox e que vén acompañado (de maneira predeterminada) de Gnome Calendar.
Ademais, o Centro de Software de Ubuntu desapareceu da nova entrega para dar paso a un “máis eficaz” Gnome Software, que nos permite descargar programas e ferramentas dunha maneira máis sinxela e áxil. Por outra banda, as buscas en liña do panel veñen desactivadas de maneira predeterminada (respondendo a unha chea de peticións dos usuarios) e, ademais, a nova versión de Ubuntu vén coa suite ofimática open source LibreOffice 5.1.

PUBLICIDADE