Chega o día do apagón proposto por Alianza polo Planeta.

mércores, 31 de xaneiro do 2007 Raquel Noya

O grupo ecoloxista francés Alianza polo Planeta, a fin de chamar a atención do problema do estrago enerxético global, promoveu a nivel mundial e a través da Rede a desconexión de todo o sistema eléctrico (durante cinco minutos). O apagón, que terá lugar este xoves, 1 de febreiro entre as oito menos cinco e as oito da tarde, hora francesa, deixará a unha gran parte do mundo sen poder facer uso dos aparellos eléctricos pero coa satisfación de ter participado no aforro de enerxía do planeta e paliar así (ainda que de xeito simbólico) os danos medioambientais causados ata o de agora.
Alianza polo Planeta é un organismo formado por diferentes ONGs, asociacións medioambientais, xurídicas, sociais e humanitarias entre outras, que escolleu esta data por coincidir co día no que un grupo de expertos intergobernamentais vai presentar en París un novo informe das Nacións Unidas sobre a evolución do clima. Segundo informa o manifesto do grupo ecoloxista, “a situación do medio ambiente a nivel mundial é desastrosa, e o dano que se lle está a facer ó planeta reflíctese nos máis desfavorecidos. Por iso é urxente tomar medidas lucidas e valentes para asegurar o futuro das vindeiras xeracións, a terra e tódalas especies que viven nela”.

PUBLICIDADE