Chrome xa ten versión oficial de 64 bits

mércores, 27 de agosto do 2014 Marcus Fernández

Tras un período en probas moi satisfactorio, Google decidiu dar o grande salto no seu navegador web, e incorpora a súa versión de 64 bits á súa canle de descargas estable, de xeito que Chrome 37 xa é oficialmente un navegador de 64 bits, o que supón unha importante mellora de velocidade, estabilidade e seguridade.
Ao gozar dunha arquitectura de 64 bits, a nova versión do navegador web mellora considerablemente á hora de interpretar gráficos e reproducir vídeos en alta definición (por exemplo, os vídeos de YouTube mellorarían o seu rendemento un 15%).
No aspecto da estabilidade, que podería ser unha das grandes dúbidas desta nova versión de Chrome, as fases de probas demostraron que o motor de renderizado chegaba a ser o dobre de estable que as súas versións de 32 bits.
Para poder gozar do Chrome de 64 bits chega con que vaiamos á súa páxina de descargas e elixamos a descarga alternativa de 64 bits para Windows (compatible con Windows 7 e 8).

PUBLICIDADE