Chuza insta aos eurodeputados galegos a defender a nosa Rede fronte a Taxa Google

martes, 10 de febreiro do 2015 Fernando Sarasketa

Pablo Belay, membro da Asociación Chuza e desenvolvedor da súa web

A reforma da Lei de Propiedade Intelectual aprobada o pasado mes de outubro está a pasar factura dende a súa entrada en vigor, tal e como se prevía, sobre todo ao habilitar unha compensación económica para editores de novas pola explotación no ámbito dos agregadores daquelas na Internet. Isto, como lembraremos, implicou o peche de Google News e guindou un preocupante panorama de incerteza para plataformas como a galega Chuza ou Menéame, que se ven obrigadas a pagar pola actividade dos seus usuarios compartindo novas. Como era de agardar, as voces de rexeitamento da reforma foron e son moitas e variadas, tanto dos usuarios e lectores dos agregadores como dos responsábeis das publicacións periódicas. A Asociación Cultural Chuza! non foi unha excepción, e agora vén de pedirlle aos eurodeputados galegos que “defendan a Rede galega e pidan a abolición da lei actual ou a exención do pago da taxa”.
A misiva, segundo nos conta o chuceiro Pablo Belay, foi enviada aos eurodeputados Francisco Millán (PP), José Blanco (PSOE), Lidia Senra (AGE), Javier Couso (EU) e Ana Miranda (BNG). Nela maniféstanse “os graves prexuízos que supón a entrada en vigor da última revisión da Lei de Propiedade Intelectual á comunidade virtual Chuza e á Rede galega en xeral”. Segundo explican no chamamento os responsábeis da comunidade, “Chuza é unha comunidade constituída como Asociación Cultural e ten como motivación principal dar visibilidade a blogs e páxinas web da rede galega (usuarios, colectivos, empresas e institucións), amosando as súas ligazóns e unha parte mínima dos seus contidos a un público xeral e maioritariamente galego”. Ao seu xuízo, trátase claramente dunha actividade sen arela de lucro e sen filiación política ou partidaria algunha. De feito, din, a comunidade valora as ligazóns seguindo criterios de afinidade coa realidade local e/ou cultural galega e outras culturas afíns.
O problema, explícase, chegou coa entrada en vigor da última revisión da LPI, tamén chamada Taxa Google. En virtude dela, a actividade de Chuza fica suxeita “á taxación arbitraria por parte dun organismo privado”. Ao fío disto, dende a asociación fan saber que non é posíbel para os seus integrantes permitírense taxación de ningún tipo, “xa que todos os nosos esforzos tanto humanos como económicos están enfocados a actividades sen rendemento económico”.
Para o colectivo, está fóra de toda dúbida que a lei española está a crear “un grave prexuízo”, especialmente a unha comunidade minorizada, como é o caso da galega, que depende de webs como a de Chuza! para amosar contidos e atraer público. E engaden: “Non estamos a vulnerar a propiedade intelectual no senso de que non empregamos contidos alleos co fin de lucrarnos e amais mesmo damos valor a contidos e produtos galegos, facilitando o seu acceso e promovéndoos sen contrapartida algunha”.
Por este motivo, piden aos eurodeputados galegos que, dende a súa posición no Parlamento Europeo, defendan “os intereses da Rede galega e pidan a abolición da lei actual ou a exención do pago da taxa para entidades sen ánimo de lucro como a de Chuza en toda a Unión Europea”.

PUBLICIDADE