Chuza! lanza oficialmente o portal de preguntas e respostas colaborativas oQue.gal

luns, 25 de xaneiro do 2016 Redacción

A Asociación Cultural Chuza! vén de comunicar oficialmente a posta en marcha dun dos seus novos e máis ambiciosos proxectos: o portal web de preguntas e respostas colaborativas oQue.gal. A iniciativa, que xa deixou atrás a fase de probas, ten a súa orixe nos atrancos postos polo Goberno central para a continuidade de agregadores como Chuza.org, o que alentou aos integrantes da asociación a procurar “un novo marco” no que desenvolver o seu traballo e compromiso coa lingua e coa información independente. Froito desta procura é o pulo dado a oQue.gal, unha web que salienta por amosar unha adhesión sen físgoas á cultura colaborativa e aberta, tanto na forma coma no fondo. De feito, apóiase integramente en ferramentas de código aberto. A intención: ofrecer un servizo “que non existe até o de agora na Rede galega, ben como servir de complemento a outras redes sociais xa existentes”.
Segundo nos lembran, “trátase dun proxecto aberto a todo tipo de colaboracións da comunidade e ás diferentes normas que se empregan na actualidade na escrita do idioma galego”. Así, calquera usuario que acceda á web poderá facer as súas preguntas ou respostar as doutros usuarios​, ademais de votar as mellores respostas​, que serán ordenadas segundo a valoración dos propios usuarios. Ademais, engaden, un sistema de puntuación recompensará aqueles usuarios que a comunidade considere máis axeitados. A supervisión dos contidos virá da man dun grupo de administradores e moderadores.
O portal inspírase noutras webs semellantes que xa foron quen de deixar pegada e xuntar importantes colectivos, como por exemplo Quora ou Stack Overflow. O software empregado en Oque.gal é Question2answer, usado tamén noutros portais de preguntas e respostas.

PUBLICIDADE