Cinema, Rede e concertos inzan a terceira edición do Carballo Interplay que remata este sábado

venres, 6 de maio do 2016 Redacción

O Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay chega este venres ao seu ecuador rebordando unha chea de actividades de audiovisual, Internet e música. O certame encetou a súa terceira edición dando acubillo a boa parte dos profesionais galegos e estatais máis relevantes do novo audiovisual: o audiovisual que non se concibe sen o apoio das novas tecnoloxías para cubrir todo o elo da cadea de produción (dende a xeración do proxecto até a rodaxe, a distribución, a proxección, etc). Este sábado, as twitstars Hematocrítico e Noel Ceballos ofrecerán un podcast ao vivo e os guionistas de Zopilote relevarán os nomes dos seus referentes principais (que lles serviron de materia prima para “os seus plaxios”). Ademais, o concurso de webseries da vila bergantiñá rematará coa proxección de comedias, dramas, animación e webseries documentais de Nova Zelandia, Inglaterra, Canadá, Alemaña, Arxentina e España e máis coa gala de entrega de premios conducida pola actriz Iolanda Muíños. Pecharán o día e o Festival os Malandrómeda, cun concerto a ritmo de hip hop.
Todas as actividades son de acceso libre e gratuíto ata completar aforo.
Segundo fai saber a organización, “un dos pratos fortes da xornada será o podcast en directo das twitstars Noel Ceballos e El Hematocrítico”, que ás 13 horas ofrecerán no Fórum Carballo un episodio especial, en vivo e en directo, dos Hermanos Podcast, o seu programa de radio por Internet aperiódico baseado na conversa libre e caótica dos dous autores. Na súa cita co público no CIP explicarán, cunha vídeo charla, os pasos adiante dados ao longo destas dúas décadas en materia de audiovisual, máis polo miúdo no eido do “video-clip post-idade de ouro da MTV”.
Arredor do mediodía será o intre do Código Fonte Audiovisual, en palabras da organización “un formato híbrido entre conferencia e proxección”, no que se convida a un curator a que seleccione e comente anacos de obras audiovisuais “embebíbeis” que definiran a súa andaina creativa e o seu xeito de ver as cousas. Este ano os convidados son os guionistas de Zopilote, Xosé Castro, Andrés Mahía e Carlos Ares, responsábeis de máis de 300 libretos así como do deseño de máis dunha ducia de programas e series de televisión, entre as que destacan Mareas Vivas, Terra de Miranda, Pepe o Inglés, Air Galicia, O Nordés e Era Visto.
Porén, a xornada comezará xa antes destas actividades, ás 10.30 horas, no Fórum de Carballo coa última mesa redonda desta edición 2016 do festival: A cultura popular dixital... a onde nos leva? Noel Ceballos, El Hematocrítico, Miriam Hernánz (directora do Lab de RTVE) e o director e realizador Andreu Meixide, moderados pola xornalista María Yáñez, debaterán sobre o presente e o futuro da cultura popular ligada aos novos medios e novas plataformas.
Xa pola tarde, o Auditorio do Pazo da Cultura acollerá as últimas proxeccións das obras finalistas da competición de webseries. Ás 16 horas proxectaranse as últimas seis series internacionais seleccionadas: os dramas K Rd Stories (de Nova Zelanda) e Emmas Welt (de Alemania), as comedias Whatever, Linda (de Canadá) e Mundillo (de Artxenina) e a peza de animación arxentina Aventuras de Corazón Roto. Despois, proxectaranse as comedias Bridget Jon de Triana, Breaking Bed, El Partido e El Colega Canario; o documental ViveyLate e a serie de animación Orfanato Atroz. Todas elas, españolas.
Ás 20 horas, tamén no Pazo da Cultura, chegará o momento de coñecer as webseries gañadoras. Será nunha divertida gala conducida pola actriz galega Iolanda Muíños, gañadora do premio a mellor actriz secundaria dos Premios María Casares 2016 e coñecida polos seus traballos en cine (Crebinski ou Mar adentro) e televisión (Pratos combinados ou Pazo de Familia).
Haberá premio para a Mellor webserie de imaxe real, a Mellor webserie de animación, a Mellor webserie internacional e a Mellor webserie en VO galego, o Premio do Público, o Premio CREA á mellor dirección, o Premio AGAG ao mellor guión e os Premios á mellor actriz e ao mellor actor. Desvelarase, tamén, o nome da proposta gañadora do Premio ao mellor proxecto de webserie en galego, dotado con 1.500 euros para a produción de polo menos tres capítulos da achega audiovisual finalmente distinguida.

O dúo Malandrómeda porá o broche final ao festival

Finalmente, xa pola noite, será a quenda do concerto do dúo galego Malandrómeda, de novo na punta de lanza da actualidade con dous LP simultáneos: Cada can que lamba o seu carallo e Os corenta oito nomes do inimigo. Será na Sala Dublín de Carballo, a partir das 23 horas. Xunto a Malandrómeda, no mesmo escenario, actuará a DJ Teresa da Praia.

PUBLICIDADE