Comeza a Semana do Audiovisual Galego e o seu itinerario de proxeccións pola nosa terra

luns, 30 de abril do 2007 Raquel Noya

Dende hoxe, día 30 de abril e até o vindeiro 5 de maio, a Academia Galega do Audiovisual celebra a Semana do Audiovisual Galego e, como en toda celebración que se prece, nesta non faltarán nin a fartura nin a troula, mais, iso si, de cinema (que é ben saudable). Polo tanto, a institución vainos agasallar cunha “degustación” de proxeccións audiovisuais nas principais cidades e vilas galegas, un soño feito realidade para os seareiros do cine feito na casa. De feito, a meirande parte das produccións que se emitirán, optan ós galardóns dos Premios Mestre Mateo 06 nas distintas categorías.
Tralo acto inaugural celebrado esta mesma mañá no IES Marco do Camballón en Vila de Cruces, ó que asistiron Manuel Sanmartín en representación da serie de televisión Libro de Familia, e Agustín Díaz por 25 anos de Autonomía, terán lugar (ó longo de toda a semana) as distintas proxeccións nas sés da Fundación Caixa Galicia de toda a Comunidade e nos Institutos de Ensinanza Secundaria dalgunhas vilas.
A Academia Galega do Audiovisual dedica toda esta semana a promover os Premios Mestre Mateo 06 exhibindo 24 producións e varias montaxes de programas de TV. Longametraxes, curtas de ficción e animación, series e programas de TV, documentais e producións de publicidade, percorrerán simultaneamente as cidades de A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo, e as vilas pontevedresas de A Guarda, Lalín, O Grove, Tui, Vila de Cruces, Vilanova de Arousa e Vilaxoán de Arousa; as ourensáns de Allariz, A Rúa, o Barco de Valedoras e Xinzo de Limia; as coruñesas de As Pontes de García Rodríguez e Culleredo; e as luguesas de Burela, Ribadeo, A Pontenova e Monforte de Lemos.
Con este circuíto -coordinado pola distribuidora Mr. Misto Films e patrocinado pola Consellería de Cultura e Deporte, a Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual (da Secretaría Xeral de Comunicación) e a Fundación Caixa Galicia-, a AGA proxectará parte das producións audiovisuais que optan ós Premios Mestre Mateo deste ano. Calcúlase que máis de 5.000 persoas terán acceso durante máis de 100 horas de proxección audiovisual a coñecer parte daqueles traballos finalistas para os Premios, que se entregarán na Gala que terá lugar no Colón Caixa Galicia da Coruña o 9 de maio.
As proxeccións:

  • En Vigo proxectarase o documental O Barco da Memoria e a curtametraxe de animación A Promesa.
  • En Pontevedra poderemos ver Omar Martínez e a produción publicitaria Cabreiroá.
  • En Santiago de Compostela proxectaranse De Profundis e A Bruxa Catuxa e contarase coa presenxa de Paco Lodeiro.
  • En Lugo poderemos disfrutar do documental A dedo. Historias de autostopistas.
  • Na Coruña pasarase o documental Linatakalam e a crutametraxe de ficción Bos Días.
  • En Ourense poderemos deleitarnos con 2050, e Bos Días.
  • Entre as proxeccións que se levarán a cabo nos centros de educación secundaria, en Lalín terá lugar a emisión de De Bares e O ladrón de Bonecas, no Grove Linatakalam e Bos Días, en Vilanova de Arousa, Cicatrices e no Grove, proxectaranse unha serie de curtas de animación que animarán a festividade do día primeiro de maio.

PUBLICIDADE