Comeza a beta de HITMAN para PS4

venres, 12 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

O Axente 47 volverá á acción o vindeiro 11 de marzo cun paquete de introdución do xogo HITMAN, que poderá ampliarse mediante contidos descargables que comezarán a publicarse en abril, e para pulir o título final e servir tamén de reclamo para a súa compra anticipada, comeza hoxe a súa beta para PlayStation 4 (que dentro dunha semana desenvolverase tamén en PC) para que os seareiros da franquía poidan gozar do prólogo do xogo, achegándonos así ao momento no que o Axente 47 se uniu á ICA. Esta experiencia permitirá introducirse na xogabilidade e as mecánicas de HITMAN, contando cun par de golpes de adestramento que poden resolverse de numerosos xeitos para permitir coller soltura co xogo.
Para gozar xa da beta (e até o día 15) temos que facernos co xogo na súa versión de PlayStation 4, mentres que os usuarios que reserven a copia para PC a través de Steam poderán gozar da versión de proba a partires do día 19 (e até o día 22).
Cómpre salientar que a Beta do xogo só está dispoñible en inglés, aínda que o xogo final si contará con subtítulos en máis idiomas (como español e portugués do Brasil), precisa de conexión á Rede para xogar e non só permitirá que se transmitan as partidas mediante streaming e compartan capturas de pantalla, senón que os responsables deste título incluso instan a iso, xa que o que buscan principalmente é recoller a resposta dos usuarios e difundir a proximidade deste interesante lanzamento.

O xogo permite volver a encarnar ao emblemático Axente 47

Tráiler da beta de HITMAN

PUBLICIDADE