Comeza a difusión en vídeo das charlas da última edición de LGx15

mércores, 11 de xaneiro do 2017 Redacción

O pasado 24 de novembro a compostelá Sala Capitol serviu de escenario para a segunda edición de LGx15, un evento de relatorios dun máximo de 15 minutos de duración nunha liña semellante a TEDxGalicia no que a temática xira ao redor da lingua galega, xa que está organizado pola Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL) e, para que o evento non chegue só aos afortunados que puideron achegarse fisicamente ao certame, as 8 intervencións da tarde poderán verse a través de YouTube, estando xa dispoñible a primeira das mesmas, Primavera millennial para o galego, impartida pola comunicadora María Yáñez, na que fai un divertido repaso da evolución da cultura dixital galega, constatando a riqueza de contidos en galego xerados polos propios usuario.
Dende a CTNL adiantan o calendario de publicación dos vídeos que irán chegando a razón de dous por semana (os martes e xoves) que o vindeiro día 12 continuarán co labrego Alberte Lamazares, a quen seguirán os responsables do blog Bolboretas no Bandullo, a profesora e poeta Rosalía Fernández Rial, a comunicadora Belén Regueira, o músico Mark Wiersma, a zoqueira Elena Ferro, e o comunicador de TIC Marcus Fernández. Unha interesante iniciativa para reflexionar sobre a situación actual da nosa lingua e compartir tal inquedanza a través da Rede.

O relatorio de María Yáñez foi o que abriu a pasada edición de LGx15

JPEG - 154.7 KB
Calendario de publicación dos vídeos do pasado LGx15

PUBLICIDADE