Comeza a pilotaxe da Historia Social Única Electrónica en catro concellos

xoves, 23 de xuño do 2016 Redacción

O Goberno galego arrincou a pilotaxe da Historia Social Única Electrónica (HSUE) nos concellos de Boqueixón, Brión, Tordoia e Viveiro. Entre outras vantaxes e recursos de valor postos en xogo, isto significa que a partir deste mes de xullo os traballadores sociais destes termos municipais van ter acceso ao expediente social dos usuarios en formato electrónico. Segundo sinala a axencia AMTEGA, será un período probas que posibilitará afrontar posíbeis optimizacións con vistas ao despregamento progresivo nos restantes concellos da nosa terra. Este espallamento do servizo comezará á volta do verán. Comezará a facelo con máis de 365.000 historias sociais dixitais.
Estes e outros datos foron achegados na reunión mantida onte pola directora de AMTEGA, Mar Pereira, os directores xerais de Maiores e de Inclusión Social e Familia da Consellería de Política Social e os concelleiros dos departamentos de servizos sociais dos catro concellos. Segundo se fixo saber na reunión, “o HSUE supón un avance cara a futura historia-sociosanitaria, que permitirá a completa rastrexabilidade da información do cidadán en ambos sistemas”.
Esta actuación enmárcase no Plan Trabe para a Modernización dos Servizos Sociais, no que a AMTEGA e a Consellería de Política Social veñen traballando nos últimos tres anos. Entre as vantaxes da HSUE figura a seguinte: integrará nun mesmo sistema todos os datos relativos a historia social do individuo, incluíndo a situación persoal, social e familiar; as súas demandas, prestacións, servizos e recursos, así como as valoracións, intervencións, seguimento e avaliación por parte do sistema de Servizos Sociais, ademais de información referente a profesionais e a institucións e organizacións que interveñen nas mesmas.
O novo sistema, explica AMTEGA, permite automatizar a dispoñibilidade e o partillado de toda esta información e documentación asociada entre os departamentos que xestionan as distintas prestacións e servizos, “o que evita a duplicidade, reduce erros de xestión e mellora a calidade da información”, engade a axencia que dirixe Mar Pereira, salientando tamén a súa capacidade para fornecer “unha identificación unívoca dos cidadáns, ao empregar a numeración da tarxeta sanitaria e garantindo a seguridade no acceso á información a través do uso de certificado por parte dos profesionais”.
Para os cidadáns e usuarios, as vantaxes terán que ver cunha atención máis personalizada, “xa que o profesional terá acceso de xeito inmediato a información máis relevante do seu historial, tanto de servizos como de prestacións ou recursos asignados”, informouse na xuntanza de traballo. Tamén se fixo fincapé nun tipo de comunicación “máis proactivo” en virtude dun sistema de alertas e subscricións que advirte ao profesional de calquera cambio no historial da persoa para que poida actuar de contado.

PUBLICIDADE