Comeza en maio o novo programa de almorzos tecnolóxicos da Tecnópole
martes, 3 de maio do 2016
A Tecnópole
vén de anunciar o comezo dos seus almorzos tecnolóxicos, que terán
unha duración de seis meses (un almorzo ao mes) e celebraranse no 3º
andar do Edificio CEI. O primeiro levarase a cabo o vindeiro
mércores 11 de maio (de 9 a 10 horas) e xirará arredor de como
tirarmos proveito os datos masivos para “vender máis e mellor”.
Os almorzos tecnolóxicos xorden coa idea de fomentar a
competitividade das empresas do Parque Tecnolóxico de Galicia
(Tecnópole) e dos grupos de investigación que traballan nos
diferentes centros tecnolóxicos instalados no parque ourensán a
través da promoción da súa tecnoloxía e o fomento da colaboración
a través de intercambio de coñecementos tecnolóxicos, ou ben de
compra-venda de tecnoloxía ou dos servizos que se emprestan mediante
esa tecnoloxía.
E a quen van encamiñados
estes almorzos? Pois o público obxectivo serán as propias empresas
do parque (entidades a promocionar) e as empresas situadas no
polígono industrial de San Cibrao das Viñas.
O que se persegue coa
posta en marcha desta proposta é que os participantes se coñezan
entre si e expresen os seus intereses e áreas tecnolóxicas nas que
traballan relacionadas co tema exposto de cara a posíbeis
colaboracións cos presentes no futuro. Previo á xornada, as
empresas fan unha pequena rolda de presentación co obxecto de
fomentar a iteración entre elas facendo fincapé nas novas achegas
da Tecnópole.
Cómpre dicir que froito
dos almorzos sairá un catálogo con periodicidade semestral en
formato dixital que dará a coñecer as tecnoloxías innovadoras
realizadas polas empresas presentadas en cada edición.
Programa de actividades
- Mércores 11 de maio de 9 a 10 h. – Como aproveitar o big data para vender máis e mellor. Andrés Mazaira socio fundador de Bridge Mediatech e profesor de mercadotecnia e organización de empresas da Universidade de Vigo.
- Mércores 15 de xuño de 9 a 10 h. – Pensar en Galicia, ensamblar en China.
- Mércores 13 de xullo de 9 a 10 h. – Envasado de alimentos.
- Mércores 14 de setembro de 9 a 10 h. – Axustes fiscais na conta de explotación de cara a Facenda.
- Mércores 19 de outubro de 9 a 10 h. – Canto custa a miña marca?
- Mércores 23 de novembro de 9 a 10 h. – Posibilidades para a túa empresa da impresión 3D.