Comeza na Coruña a Akademy 2015, un dos grandes acontecementos da tempada en materia de open source

xoves, 23 de xullo do 2015 Fernando Sarasketa

O Grupo de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL), asentado na Facultade de Informática da Coruña, abre hoxe mesmo as portas dun dos grandes eventos tecnolóxicos da tempada no ámbito do software libre galego, estatal e internacional. Trátase de Akademy 2015, unha cita que xunta na Coruña (na FIC) a desenvolvedores e usuarios dunha das comunidades open source máis grandes de todo o mundo, a comunidade do escritorio KDE. En total, están a participar na xuntanza máis de douscentos expertos en software libre de todo o mundo.
O evento desenvolverase durante 9 días, “comezando con dúas xornadas adicadas ao colectivo KDE de fala hispana”, nas que os asistentes darán a coñecer os principais avances das tecnoloxías do dito escritorio, en palabras do GPUL un dos proxectos libres máis importantes do planeta.
Nun plano máis específico, a cita coa presenza (entre outros expertos) de Matthias Kirschner, actual vicepresidente da Fundación do Software Libre en Europa, que fará o relatorio inaugural, ou Lydia Pintscher, actual presidenta de KDE e.V.
Ao longo dos 9 días de Akademy, trataranse temáticas do mundo da programación aberta en xeral e de KDE en particular: falarase do novo enfoque da comunidade KDE para decidir o seu futuro, da presentación dunha tecnoloxía que simplifica a utilización de aplicacións Android en computadores, e dun importante proxecto da UNESCO para o arquivado e conservación do patrimonio cultural dixital, entre outros temas.
O evento terá varias vertentes: a estatal (xoves 23 e venres 24), a internacional (a fin de semana) e a práctica (do luns en adiante). A primeira vertente (Akademy-es) dará acubillo á comunidade hispana de KDE. A fin de semana acollerá as actividades cun cariz máis transfronteirizo. A partir do luns 27 e até o venres 31 de xullo, o evento complétase con obradoiros e reunións grupos de traballo.
A inauguración da parte internacional da Akademy terá lugar o sábado 25 de xullo ás 10:00 horas no salón de actos (andar baixo) da Facultade de Informática da Coruña (Campus de Elviña). De seguido, ás 10:15, arranca a primeira conferencia plenaria, a cargo de Matthias Kirschner, vicepresidente da Free Software Foundation Europe (FSFE). Esta charla inaugural centrarase na tecnoloxía como garante e ao mesmo tempo ameaza aos nosos dereitos e liberdades. Durante todo o sábado e o domingo, sinala a organización, transcorrerá a parte máis expositiva do evento, sucedéndose as principais charlas e presentacións. O programa pódese consultar na web da xuntanza.
Un dos relatorios do evento, lembra GPUL, versará sobre o proxecto da UNESCO para preservar o patrimonio cultural dixital. “A UNESCO”, recordan os organizadores, “é consciente da importancia que ten conservar este patrimonio e para iso encetou o Proxecto UNESCO Persist”. O relatorio correrá a cargo de Jos van den Oever, quen participou en varias reunións do grupo de traballo da devandita organización internacional representando ao goberno holandés.
Outra das actividades máis relevantes está prevista para o domingo 26, e virá da man de Dan Leinir Turthra Jensen, que presentará o Proxecto Shashlik, unha iniciativa que ten coma obxectivo permitir a execucións de aplicacións desenvolvidas para o sistema Android en computadoras persoais. Para iso, desenvolveuse unha adaptación que pode executarse nos ditos equipos, informa GPUL, que engade que esta adaptación intégrase no sistema e permite deste xeito o emprego de ferramentas Android.
Akademy 2015 conta coa colaboración da Universidade da Coruña, da AMTEGA e da Xunta de Galicia, así como co patrocinio de empresas e entidades tecnolóxicas como Google, The Qt company, openSUSE, Blue Systems, Igalia, KDAB, Intel, Igalia, Red Hat, Open Invention Network (OIN), froglogic e golem.de.
KDE, para quen non o saiba, forma parte dos contornos de escritorio de varias das máis importantes distribucións de software libre, como por exemplo Red Hat, Fedora, Debian, Kubuntu, OpenSUSE, Linux Mint e FreeBSD.

PUBLICIDADE