Comezan en Vigo as Xornadas Técnicas avaliando ao detalle unha cidade conectada

martes, 25 de novembro do 2014 Redacción

Hoxe e mañá mércores celébrase en Vigo unha xuntanza de interese para calquera lector desta web, sobre todo para aqueles seareiros das novas tecnoloxías que desexan ver até que punto estas poden cambiar o noso xeito de vivir nunha cidade, vila ou aldea. Falamos da terceira edición das Xornadas Técnicas de Vigo Smart Cities & Communities, unha cita á que se espera que acudan uns trescentos profesionais dos ámbitos público e privado e con relación directa cun fenómeno que vai cambiar (está a cambiar xa) para sempre os modelos urbanos establecidos (xeitos de relacionarnos coa administración local, xeitos de desprazarnos, xeitos de comunicarnos, xeitos de vivir no noso fogar).
As xornadas desenvólvense no Auditorio Mar de Vigo e veñen da man do Concello de Vigo, a Fundación FAIMEVI (Fundación Axencia da Enerxía de Vigo) e o Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia, coa colaboración do Consorcio da Zona Franca e da Universidade de Vigo e coa presenza de entidades como o centro tecnolóxico coruñés CITIC, o Clúster TIC Galicia, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia ou o centro tecnolóxico Gradiant.
O evento diríxese a favorecer o intercambio de coñecemento e experiencias prácticas para contribuír á mellora dos servizos á cidadanía, da contorna social, económico e ambiental. Combinaranse sesións técnicas ademais dunha zona de exposición de acceso libre, con máis de 30 casetas, onde empresas de primeiro nivel mostrarán as súas propostas no ámbito das cidades intelixentes e das comunidades dixitais.
Polo que respecta ao programa, achegará arredor dunha trintena de relatorios especializados.
A primeira xornada contará coa presenza (entre outros) de Roberto Bustillo (decano da Facultade de Dereito da Universidade de Vigo, falando do réxime xurídico da eAdministración), Fernando Vázquez (de Imatia, falando do concepto de Goberno Intelixente) ou Conrado Toro (de WebDreams, afondando na cuestión da dixitalización dos servizos públicos locais).
Tamén falarán de cidades conectadas e das súas posibilidades para a cidadanía, as empresas e as administracións, relatores expertos como Antonio Sánchez (de Wairbut) ou Javier Albertos Benayas, que exporá un caso de éxito do Concello de Vigo en materia de innovación na xestión. Xa pola tarde, intervirán Marian Leboreiro (Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, falando de novos métodos para administrar e xestionar un espazo urbano), Antonio Moreno (Jung Electro), Iago Barbeito (SETGA) ou Alberto Méndez (CO2 Smart Tech), entre outros expertos aínda pendentes por confirmar.
Nas Xornadas Técnicas está previsto que se atopen profesionais das TIC e da eAdministración para afondar en cuestións como o potencial e posibilidades das urbes conectadas do futuro. A xuntanza está encamiñada a profesionais do sector, expertos de recoñecido prestixio, empresas líderes a nivel estatal e administradores municipais, nos que se debaterá e profundará de maneira integradora diferentes aspectos relacionados coas novas tecnoloxías no eido das Cidades Intelixentes (Smart Cities), a xestión intelixente dos recursos e a transformación urbana que isto significa.

PUBLICIDADE