Compostela acollerá unha xornada formativa sobre Xamarin

luns, 9 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

O vindeiro sábado a partires das 9:30 horas vai celebrarse no Centro Sociocultural Caramoniña, na Travesía do Escultor Asorey, 13, de Santiago de Compostela, o Xamarin Day - SCQ, unha xornada formativa dedicada a Xamarin, unha plataforma que facilita o desenvolvemento de aplicacións nativas para iOS, Android, Windows e OS X, que goza de grande sona entre desenvolvedores de aplicacións móbiles que buscan traballar con varias plataformas empregando unha única linguaxe de programación (C#).
Esta actividade é de balde previo rexistro en liña, estando limitada a 20 prazas, sendo preciso acudir cun equipo informático portátil que traia instalado o software que permita traballar con Xamarin dende o primeiro momento. A xornada contará cunha charla de introdución a Xamarin con Azure impartida por David Gonzalo, anfitrión do evento, a quen seguirá unha explicación sobre Xamarin Forms por parte de Rubén Fernández. Completará a mañá un obradoiro práctico.

JPEG - 135.4 KB
Entre as vantaxes de Xamarin destaca o poder desenvolver aplicacións móbiles para distintos sistemas operativos empregando unha única linguaxe de programación.

PUBLICIDADE