Compostweets chega á súa cuarta edición

venres, 19 de decembro do 2014 Marcus Fernández

A pasada mañá a Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia serviu de escenario para a celebración dunha peculiar edición de Compostweets, cuarta cita para os profesionais de Social Media de Galicia que fuxiu da súa data habitual de celebración, chegando moi preto das festas de Nadal, para converterse nun encontro máis íntimo que contou igualmente coas súas compoñentes características, contribuíndo á consolidación do sector profesional das redes sociais na nosa comunidade.

O responsable da páxina de Fans de Luís Davila en Facebook explicou a súa experiencia


Esta especial edición de Nadal do Compostweets comezou cunha dinámica presentación de propostas de usos divertidos de Facebook, abordándose casos como o da páxina persoal de Chus Alvite ou a de Fans de Luis Davila, complementadas cunha presentación da experiencia do CocidoDay. Como curiosidade, varias das intervencións (concretamente a de Chus Alvite e a de Laura Camino) tiveron que realizarse por vía telemática.

O experto en redes sociais e marketing, Javier Rocamora, impartiu un completo relatorio sobre o uso de redes sociais dende a empresa, dando conta de moitas malas prácticas, e reivindicando a profesionalidade á hora de xestionar a presenza en liña das empresas.

Pola súa banda, Manuel Alonso quixo abordar as dificultades á hora de introducir aos pequenos negocios no comercio electrónico, principalmente pola falta de conciencia de que a canle de vendas en liña debe coidarse do mesmo xeito que os establecementos físicos para poder conseguir que trunfen.

Para completar a xornada, realizáronse unha serie de elevator pitch para que varios proxectos galegos puideran darse a coñecer aos presentes. Concretamente amosaron os seus proxectos a escola de vendas e de falar en público E-Inventa, a proposta de servizos informáticos para empresas TICgal, a curiosa iniciativa H2GZ Energizing que quere converter a Bertamiráns nun referente mundial das enerxías sustentables e a compañía de servizos de formación baseados nas neurociencias Inteligencia Divergente.

Fotografía de grupo dos participantes na cuarta edición de Compostweets


O evento rematou confiando en que en 2015 poida celebrarse unha quinta edición de moito maior empaque, retomando o calendario habitual do encontro e procurando servir para dinamizar o sector galego do social media a través dun encontro presencial que facilite o networking e o intercambio de coñecemento.

PUBLICIDADE