Concello e Deputación de Lugo habilitarán Wi-Fi de balde en tres prazas da cidade

xoves, 26 de novembro do 2015 Redacción

O Concello de Lugo e a Deputación van equipar con Wi-Fi libre e de balde tres prazas da cidade. Así o deron a coñecer onte a alcaldesa Lara Méndez e máis Darío Campos, presidente do organismo provincial, trala súa primeira xuntanza institucional dende a toma de posesión do titular da Deputación. Segundo informaron tralo encontro (que serviu “para abrir novas vías de colaboración entre as dúas institucións máis importantes da provincia, na mesma liña que nos últimos oito anos”), o convenio para a creación das prazas de conexión pública a Internet sen fíos será aprobado na Xunta de Goberno provincial deste venres para poder asinalo “e iniciar as obras canto antes”.
Dotadas con 22.000 euros que achega a institución provincial, consisten na instalación de 5 puntos Wi-Fi: dous na fachada da casa consistorial, dous no palco da música “para dar cobertura a toda a parte baixa da Praza Maior” e unha antena na parte de atrás do consistorio para prestar servizo ás prazas Anxo Fernández Gómez e Campo Castelo.
Amais desta medida, os gobernos local e provincial acordaron a creación de máis zonas verdes (e pór en valor as existentes), o acondicionamento de infraestruturas que humanicen a cidade e o pulo ao turismo “como motor económico aproveitando a riqueza patrimonial de Lugo”.

PUBLICIDADE