Conde lembra por videoconferencia a importancia de apostarmos polas novas tecnoloxías

xoves, 11 de febreiro do 2016 Redacción

Hoxe celebrouse en máis dunha ducia de aulas da rede CeMIT, a través de videoconferencia, unha actividade de interese empresarial dirixida a amosar as portas ás que podemos petar no caso de querermos pór en marcha unha iniciativa innovadora de mercado. Na actividade de networking participou o conselleiro de Economía, Francisco Conde, quen compartiu impresións sobre creatividade e innovación nos negocios con 70 empresarios de 15 concellos, aos que lembrou, dende o edificio Cersia de Santiago, a necesidade de apostaren polas TIC para chegar á meirande cantidade posíbel de mercado. Ademais, Conde debullou as ferramentas e apoios da Consellería.
Conde salientou que o seu departamento “ten activado no comezo de ano preto de 200 millóns de euros en apoios para o tecido produtivo da Comunidade, o que supón o 70% dos programas de axudas para este 2016”. Conde subliñou que a metade dos apoios postos en marcha céntranse na área de Emprego, de cara a consolidar o crecemento e xerar postos de traballo. En total, dixo, “este eido suma case 100 millóns con liñas como a centrada no fomento do emprego autónomo, á que a Xunta destina máis de 20 millóns”.
Segundo lembrou, o IGAPE vén de activar programas por 22 millóns de euros que facilitan os investimentos empresariais e iniciativas no eido da Industria 4.0, “uns apoios aos que cabe sumar os 9,5 millóns destinados á internacionalización do tecido empresarial, os preto de 15 millóns para fomentar a eficiencia enerxética e o uso de fontes renovables, e os máis de tres millóns dedicados ao smart commerce, á modernización comercial e as vendas en liña”.
Neste marco, o titular de Economía, Emprego e Industria avanzou que, ao longo de todo o ano, a Consellería destinará ata 40 millóns de euros ao emprendemento.

PUBLICIDADE