Conde salienta o éxito das empresas TIC que participaron en Vía Galicia

luns, 23 de maio do 2016 Redacción

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde informou xunto á delegada do Estado no Consorcio da Zona Franca, Teresa Pedrosa, da nova convocatoria deste programa de apoio ao emprendemento, no que ambas administracións colaboran desde fai dous anos, e que nesta nova convocatoria medra en proxectos respecto á de 2015, xa que serán 19 as iniciativas impulsadas en vez de 15.
Conde adiantou que na nova edición de Vía Galicia a Xunta redobrará o seu compromiso financeiro aportando 1,7 millóns, que inclúen préstamos participativos de XesGalicia de 50.000 euros por cada proxecto; apoios da Axencia Galega de Innovación-GAIN de 25.000 euros por proxecto, ou o respaldo, tamén de GAIN, poñendo a disposición da iniciativa ao CIS Galicia e as infraestruturas Industria 4.0.
“Vía Galicia é un programa que responde con resultados claros, se ten xa convertido nunha referencia internacional que xa está a facer Marca Galicia en Europa, e será unha plataforma para impulsar o noso futuro industrial a través do aeronáutico e a fábrica intelixente”, defendeu Conde. Desde 2014, Zona Franca e a Xunta apoiaron a formación de centos de emprendedores que formaban parte de 60 proxectos, e acelerado 25 iniciativas, ofrecéndolles apoio económico, titorización, asesoramento e mentoring, sumando 3 millóns mobilizados entre o Goberno galego e Zona Franca, o que supuxo a xeración de máis de 90 postos de traballo.
O conselleiro destacou as melloras que teñen levado a cabo as empresas de Vía Galicia no eido das TIC, salientado o éxito que moitas destas compañías, tanto as que finalmente foron aceleradas, como as que participaron na fase anterior de academia, están a ter en España e no estranxeiro. Citou o exemplo de Converfit, unha aplicación de mensaxería instantánea de atención ao cliente que naceu na segunda edición, foi seleccionada para participar no Google Campus en Madrid e convidada para expoñer a súa aplicación en Silicon Valley; e que recentemente foi escollida para o Microsoft Ventures Accelerator de Londres.

PUBLICIDADE