Conecta Fiction porá a nosa terra no punto de mira da innovación audiovisual e de contidos

luns, 23 de xaneiro do 2017 Redacción

A celebración e visualización dos nosos contidos dixitais non vai rematar con DICO Summit 2017, o evento que comeza este martes da man de AMTEGA e os clústers das TIC e do audiovisual. De feito, na primavera está prevista a que poderíamos considerar a gran celebración da tempada en materia de creatividade galega aplicada ao cinema, ás series, ás novas plataformas e aos innovadores recursos tecnolóxicos para crear e distribuír. Falamos de Conecta Fiction, evento galego con vocación internacional e organizado pola axencia galega AGADIC, o ICEX e a Fundación SGAE. Xuntará unha manchea de responsábeis cadeas de televisión, distribuidoras e produtoras de ambos beiras do Atlántico. A cita será na Cidade da Cultura do 21 ao 23 de xuño.
A primeira edición de Conecta Fiction, que foi presentada a semana pasada cunha gran repercusión nos medios galegos, estatais e internacionais (tal e como se amosa nas pegadas deixadas nas plataformas dixitais de Variety, Prensario Internacional, TTV News, Cine & Tele, LatAM Cinema e Audiovisual 451, entre outras), será unha actividade pioneira, innovadora e específica sobre o estado de saúde actual “da puxante industria da ficción televisiva en fala hispana”. Segundo fan saber as entidades organizadoras ao fío desta arela de unir mundos e espazos de creación, o evento Conecta Fiction vai contar co engadido extra de estar emprazado en Galicia, por tradición unha terra estreitamente vencellada a América Latina.
Xunto coas tres entidades promotoras, Conecta Fiction 2017 contará tamén coa implicación da Fundación Cidade da Cultura, a Televisión de Galicia, o Concello de Santiago, o Clúster Audiovisual Galego (CLAG), o Máster de Produción e Xestión Audiovisual (MPXA) e a Fundación Media Europa. A súa produción core a cargo da empresa Inside Content.
Segundo fan saber estas entidades, o encontro ponse en marcha co obxectivo de se converter “nunha das citas de referencia no calendario internacional de convocatorias televisivas que, como no caso de London Content en Reino Unido ou de Series Mania en Francia, espertan un gran interese entre os profesionais do sector”. O programa, arestora en desenvolvemento, centrarase polos devanditos motivos no talento, no financiamento e na produción. Abranguerá produtores executivos, directores, guionistas, compositores, inversores, co-produtores, executivos de cadeas de televisión e plataformas OTT e distribuidores internacionais, entre outros profesionais.

PUBLICIDADE