Conectadas 2016 comeza estes días 17 novos obradoiros

luns, 26 de setembro do 2016 Redacción

Dende hoxe e até o 2 de outubro o programa Conectadas 2016 (unha iniciativa desenvolvida polo servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra) vai desenvolver 17 obradoiros espallados entre 12 concellos da provincia de Pontevedra: Campo Lameiro, Cuntis, A Estrada (catro obradoiros), Lalín, Meis, Mos, Ponteareas (dous), Pontecesures, Sanxenxo, Tomiño (outros dous), Vilaboa e Vila de Cruces. Os ditos obradoiros abranguen temáticas variadas, sendo as novas tecnoloxías un dos bloques fundamentais polo que teñen estas ferramentas de inclusivas e de recursos para a mellora social, comunicativa, formativa, cultural, persoal, etc.
Máis polo miúdo, as temáticas van dende actividades físicas (zumba, ioga, ximnasia de mantemento), artesanía e manualidades (traballos en tea, coiro, madeira e outros; costura creativa; iniciación á costura) ou a alimentación (conservación de alimentos, conservas artesanais; cociña e alimentación: hábitos saudábeis; tapas, petiscos e canapés), ou alfabetización dixital (fotografía e edición) e psicoloxía (risoterapia, mindfulness), entre outros.
As actividades mencionadas estanse a realizar ao longo de 60 concellos da provincia e son máis de 5.000 alumnas e alumnos os que se beneficiarán en total do programa. Os cursos teñen unha duración de 35 horas e precisan un mínimo de 15 persoas participantes, organizándose en grupos de entre 20 e 25 persoas como máximo e con preferencia ás mulleres. Só un 25% das prazas se reservan para homes, agás no caso dos cursos relacionados coa cociña e alimentación, onde a distribución de prazas está a ser mixta.
Cómpre engadir que o que persegue Conectadas 2016 é potenciar a participación e promoción das mulleres, mellorar a súa formación básica e favorecer as relacións interpersoais en igualdade, así como o intercambio de experiencias. Faino mediante accións formativas e coa achega dos principios de: igualdade, corresponsabilidade e conciliación nos distintos eidos persoal, laboral e familiar.
Alén disto, Conectadas 2016 tamén quer contribuír á mellora da empregabilidade das mulleres e o seu mantemento no mercado de traballo, reducindo a fenda dixital mediante o emprego da información e as novas tecnoloxías.

PUBLICIDADE