Conexant achega tecnoloxía para facer auriculares USB-C con cancelación de ruído

xoves, 30 de xuño do 2016 Marcus Fernández

Aínda que existe unha clara resistencia dos consumidores para abandonar o tradicional conector mini-jack de 3,5 milímetros para conectar auriculares aos nosos smartphones, non é ningún segredo que moitos fabricantes están buscando eliminar ese atranco para a redución de grosor dos dispositivos móbiles, e a empresa chinesa Conexant Systems está a presentar una tecnoloxía que facilitará os auriculares do futuro, xa que a súa nova liña de solucións USB-C AudioSmart achega o software necesario para a creación de numerosas solucións de audio entre as que destaca agora o novo codec de son estéreo CX20888, que sería a primeira solución nun único chip que permitiría cancelación de ruído activa e inclusión do ruído ambiental en auriculares USB-C.
Os conectores USB-C están chamados a ser unha revolución que, promovida pola comodidade de seren un conector reversible, achegan maiores velocidades de transferencia de datos e de enerxía (permitindo incluso alimentar equipos informáticos completos), polo que confían en converterse no estándar imperante en poucos anos, resultando un soporte ideal para a nova tecnoloxía de Conexant, que permitiría a creación de auriculares con cancelación de ruído que empregasen USB-C, o que resulta moi atractivo como mans libres con cable para o móbil, pero tamén para sistemas de auriculares para oficina ou incluso para o seu uso por xogadores.
O CX20888 integra conversores analóxico-dixital e dixital-analóxico de 24 bits para aplicacións de música e voz, soportan velocidades de mostra de até 96 kHz, e están integrados nun módulo de só 5 x 5 milímetros, de xeito que ocupa un espazo o suficientemente reducido para a súa integración nun auricular USB.
Esta tecnoloxía amosarase estes días no marco do Mobile World Congress de Shanghai, que terá lugar até mañá.

PUBLICIDADE