Confirman que Instagram dá maior calidade de imaxe aos contidos máis populares
luns, 28 de outubro do 2024
Non é a primeira vez que cando queremos ver un vídeo en redes sociais atopamos unha reprodución cunha calidade realmente lamentable, facéndonos pensar que temos algún problema de conexión, pero o máximo responsable de Instagram, Adam Mosseri, vén de confirmar que é unha práctica habitual en plataformas sociais como a súa.
Respondendo a unha consulta doutro usuario, Mosseri asegurou que, aínda que normalmente procuran entregar os vídeos coa máxima calidade posible, segundo os vídeos se fan vellos e perden reproducións son substituídos por versións de baixa calidade, agás que recuperen popularidade, caso no que volvería codificarse para unha maior calidade de reprodución.
Mosseri tamén confirmou que os creadores que captan máis reproducións teñen prioridade, de xeito que a plataforma achégalles tanto máis capacidade de procesamento como máis espazo almacenamento, co que buscan principalmente contentar aos creadores, non tanto aos usuarios, pois asegura que estes prestan máis atención aos contidos en si que á calidade coa que se codifican, aínda que os pequenos creadores poderían considerar inxusto que os seus contidos se vexan peor que o dos creadores máis populares.