Consumer Reports considera solucionados os problemas de batería dos novos MacBook Pro

xoves, 12 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

Durante o Nadal causou bastante rebumbio o feito de que Consumer Reports desaconsellase a compra dos novos MacBook Pro por considerar que a resposta da súa batería é inconsistente, cando os modelos de anos anteriores eran dos equipos portátiles con mellor autonomía do mercado, o que levou a Apple a analizar o acontecido, e tras lanzar un parche o 9 de xaneiro dende Consumer Reports volveron a avaliar a autonomía dos MacBook Pro, atopando que os fallos detectados estaban solucionados, de xeito que xa se atreven a recomendar estes portátiles.
Nas probas de batería desenvolvidas en decembro detectáranse diferencias de autonomía moi dispares, de xeito que a duración da batería oscilaba entre as 3,75 e as 19,5 horas, pero nas novas probas realizadas agora con tres MacBook Pro diferentes conseguiron autonomías de 15,75, 17,25 e 18,75 horas, duracións notables, e moi superiores á autonomía anunciada polo fabricante (que asegura que estes equipos superan as 10 horas de navegación web).

Dende Consumer Reports analizaron varios modelos do MacBook Pro

PUBLICIDADE