Contextos e a deseñadora multimedia Monica Mura impulsan Startup Pirates Ourense

martes, 22 de abril do 2014 Redacción

Xa vai quedando menos tempo para o que sen dúbida é un dos grandes acontecementos da tempada en materia de novas iniciativas TIC achegadas dende a nosa terra. Falamos da nova edición galega de Startup Pirates, unha edición que nos leva a Ourense entre os días 3 e 10 de maio e que consiste basicamente nunha semana de actividades (traballo cooperativo, adestramento, asesoramento, intercambio de experiencias, busca de apoios, selado de pactos e alianzas, etc) para dar forma a múltiples ideas de negocio. Por certo que o evento Startup Pirates Ourense vén da man Patricia Díaz e María Regueira, da Consultora de Innovación Social Contextos e a artista italiana e deseñadora multimedia Monica Mura. Ademais, o encontro (aberto a tódolos ámbitos de emprendemento pero facendo fincapé no social), conta coa apoio de empresas xa consolidadas como Dinahosting, de Tecnópole ou da Confederación Empresarial de Ourense.
As actividades desenvólvense nunha primeira quenda na sede da CEO e logo na Escola de Negocios NovaCaixaGalicia da Avenida de Pontevedra. Os emprendedores participantes accederán a distintos premios, como por exemplo o aloxamento web Linux profesional e o dominio asociado durante un ano que ofrece Dinahosting, ou os 2.000 dólares de crédito que fornece Google Cloud Platform Starter Pack.
Segundo nos lembran estes días dende a web do CPEIG, o proxecto gañador recibirá premios exclusivos, entre os que destaca a cesión dun espazo de coworking, para cada un dos piratas do equipo gañador, por tres meses e medio nas instalacións do Parque Tecnolóxico de Galicia. Esta cesión de balde dun espazo de traballo específico da Tecnópole permitirá aos vencedores do certame dispor “dun espazo privilexiado para dar corpo e impulso ás súas iniciativas tecnolóxico-sociais”, segundo explicaron recentemente os responsábeis do complexo empresarial de San Cibrao das Viñas (Ourense).
Startup Pirates, como lembraremos, é un programa internacional de aprendizaxe dunha semana de duración, de sábado a sábado, cunha metodoloxía propia validada en diferentes países (Portugal, Croacia, Eslovenia, Holanda, Polonia, Brasil, Perú, Paquistán, Romanía, Bulgaria…). Trátase basicamente de que, antes de botarnos ao mercado, verifiquemos a nosa idea e estudemos a fondo as súas posibilidades e potencialidades. Como dixemos, nesta edición de Ourense os organizadores están a facer fincapé no emprendemento social. Ou sexa, nas metodoloxías para fomentar a creación de empresas sociais e pór en valor as ideas que solucionen retos sociais con modelos de negocio rendíbeis e sustentábeis. Ao longo destes 8 días, informan os impulsores do certame galego, “poderemos asistir a uns 8 obradoiros sobre modelos de negocio, comunicación, finanzas, desenvolvemento de produtos e servizos, mercadotecnia, etc; poderemos ser guiados por máis de 20 emprendedores, mentores e formadores; coñeceremos a emprendedores e investidores; accederemos á súa rede internacional de contactos; e traballaremos con outros aventureiros piratas”.

PUBLICIDADE