Convidan a empregar as imaxes de perfil máis axeitadas ás distintas redes sociais

martes, 27 de xaneiro do 2015 Marcus Fernández

Esta semana o espazo de coworking coruñés WeKCo está a celebrar os seus Coworking Days, iniciativa para dar a coñecer os espazos deste tipo repartidos por toda Galicia, e dentro destas xornadas teremos mañá de 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 19:30 horas unha actividade realizada polo fotógrafo profesional Diego Gómez Silva, coa que pretende concienciar sobre a necesidade de empregar fotografías axeitadas para os nosos perfís en redes sociais, salientando o feito de que non sempre é axeitado dar a mesma imaxe, por exemplo, en Facebook ou en LinkedIn.
Esta actividade está orientada a profesionais autónomos, emprendedores ou persoas que estean a piques de iniciar algún proxecto, que poderán inscribirse (a actividade ten un custo de 10 euros) para así concertar unha cita dentro do horario da actividade, da que sairase cun par de fotografías (unha formal e outra informal) para poder amosar a mellor versión de un mesmo.
Os participantes poderán acudir con distintas roupas segundo a formalidade que queiran amosar e incluso levar algún elemento co que queiran saír retratados (un logotipo, unha mascota, un obxecto representativo...) de xeito que para a semana que vén poderá ter un par de imaxes que faciliten que a súa imaxe nas redes sociais sexa o máis axeitada posible.

PUBLICIDADE