Convocado un certame para obtermos a mellor fotografía de Caión co noso móbil

venres, 31 de outubro do 2014 Redacción

Mar de Caión e o Concello de Laracha están a organizar no Facebook un concurso de fotografía feita con dispositivos móbiles. O certame, que se insire na segunda fase do proxecto financiado con fondos europeos Mar de Caión, ten como obxectivo dar a coñecer e impulsar os recursos paisaxísticos, turísticos, etnográficos, sociais e económicos da contorna da vila costeira de Caión. O concurso desenvolverase até o 9 de novembro. A autora ou autor da fotografía gañadora gozará dun xantar ou cea nun local da Rede de Hostaleiros Mar de Caión.
A ferramenta escollida para a celebración deste concurso é a rede social Facebook, na que Mar de Caión dispón de máis de 600 seareiros. Segundo informan os responsábeis da iniciativa, co fin de aumentar esta comunidade e afianzar a xa existente, para participar no concurso é preciso ser fan da páxina. Logo, unha vez que nos inscribamos deste xeito, deberemos subir nos muros do sitio no Facebook unha ou varias fotografías de calquera recanto de Caión e a súa contorna que estean vencelladas cos valores turísticos, naturais, socioculturais e medioambientais do concello de Laracha e etiquetalas co elemento #MardeCaion. Outra condición fundamental para optar ao premio é que as fotografías estean realizadas cunha cámara de dispositivo móbil (teléfono ou tableta), ademais de ser propias, actuais ou non, orixinais e non premiadas anteriormente.
Dende a web Mar de Caión crearase un álbum con estas imaxes para que os seareiros voten a súa favorita. A imaxe que máis votos reciba gañará un xantar ou cea para dous persoas nun local da Rede de Hostaleiros Mar de Caión.

PUBLICIDADE