Convocados os Premios Clúster TIC Galicia

martes, 6 de outubro do 2015 Redacción

O Clúster TIC Galicia quere salientar e visualizar o labor de todos os axentes comprometidos co empuxe e crecemento do noso tecido produtivo tecnolóxico-dixital, de aí convocase estes días uns recoñecementos cuxo prazo de presentación de candidaturas abriu esta mesma semana e ficará aberto até o vindeiro día 22. Máis en detalle, os Premios Clúster TIC Galicia, así se fan chamar, queren pór de relevo ante a sociedade o labor das empresas, profesionais ou entidades que deseñan, programan, desenvolven, implantan ou usan produtos ou servizos galegos que teñen na innovación e no uso das novas tecnoloxías a súa razón de ser. Os galardóns convócanse en cinco categorías: Innovación, Internacionalización, Liderado TIC, Start-ups e Software Libre.
Poderán presentar as súas candidaturas todas aquelas empresas e profesionais que realicen proxectos no eido das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC), “ben sexa como provedores ou como entidades usuarias de produtos e servizos TIC galegos”. Para decidir os gañadores, o Clúster creará un Comité Avaliador Experto. Unha vez que se realice a votación do xurado, farase pública unha listax con tres finalistas por categoría. Os gañadores non se desvelarán ata a gala de entrega dos Premios, que terá lugar no marco do evento LibreCon 2015 o día 29 de outubro, en Santiago de Compostela.
Por seren galardóns de honra que distinguen a calidade, os premios non comportan dotación económica, pero tanto os gañadores como os finalistas recibirán trofeos representativos e exclusivos.
Os interesados en presentar unha candidatura deberán facelo exclusivamente a través da web www.clusterticgalicia.com, cubrindo o formulario online e axuntando a documentación que consideren oportuna. Como dixemos, o prazo conclúe o próximo 22 de outubro ás 23:59 horas.

PUBLICIDADE