PuntoGal

O noso boletín por e-mail conta xa con 2.886 lectores. ¡Subscríbete!
Código Cero

Diario de Novas Tecnolóxicas de Galicia

Convocan unha manifestación para a reapertura do Centro de Dinamización vilagarcián

xoves 29 de xullo do 2010, por Raquel Noya | | Compartir en Tuenti | Compartir |

As persoas usuarias do Centro de Dinamización de Vilagarcía de Arousa, que ao igual que moitos dos centros que formaban a antiga Rede de Dinamización da Sociedade da Información leva un tempo pechado á espera de que o Goberno galego decida como facer para seguir a formar en novas tecnoloxías a toda a cidadanía galega (facendo fincapé naqueles colectivos máis desfavorecidos), veñen de convocar unha concentración para pedir a reapertura das súas portas.
Trátase dun dos Centros con máis actividade de todos os que hai espallados pola xeografía galega, no que se deron máis de 50 cursos, e preto de 400 horas de formación a máis de 320 persoas.
Asemade, a esta aula acudiron máis de 800 persoas para conectarse a Internet e consultar o seu correo ou facer tarefas necesarias para o seu día a día, o que demostra, segundo os seus integrantes, “que estaba a funcionar a pleno rendemento e cunha gran asistencia”.
Xa que logo, as persoas usuarias do Centro de Dinamización de Vilagarcía, que agora non teñen a onde achegarse para acceder á súa propia alfabetización dixital como o viñan facendo ao longo do último ano, convocan unha concentración este venres 30 de xullo ás 20:30 horas, diante do propio centro, na rúa Castor Sánchez para pedir “a reapertura do centro nas mesmas condicións que estaba ata o de agora, cun horario estable e cunha persoa á fronte do mesmo”.
Esta persoas aseguran que “se trata dun servizo público necesario que axudou e contribuíu a desenvolver proxectos de moitos vilagarciás e vilagarciáns en Internet, facendo uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación”, antes unha “utopía” para moitos colectivos da comarca, como os maiores, as mulleres do rural…
Asemade, segundo aseguran, foron moitas “as empresas do lugar que lle atoparon utilidade á Sociedade da Información e Internet, e que detectaron a necesidade de desenvolver novos contidos e servizos a través da Rede”.
“Por todo isto”, os veciños e veciñas que viñan usando esta aula da Rede de Dinamización, “fan un chamamento ás cidadás e cidadáns de Vilagarcía que acudan a concentración para pedir a reapertura do Centro da Sociedade da Información, e animan ás persoas usuarias dos centros da comarca, coma Cambados, O Grove e Sanxenxo, (que tamén están pechados) que se unan á manifestación”.

 

Grupo Código Cero Comunicación, S.L.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68

 RSS