Coremain fortalece o proxecto Videoguard coa súa bagaxe en plataformas de xestión

luns, 10 de marzo do 2014 Redacción

Luís Álvarez Sestelo, director xeral de CoremainA firma Coremain é a líder da vertente empresarial do proxecto Videoguard, o que significa que está á fronte do consorcio formado por Retegal, TRC e Bastet. Esta é parte empresarial dunha alianza na que tamén se integran o centro tecnolóxico Gradiant, achegando toda a súa longa experiencia en análise de vídeo e deseño de software, e máis a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), a Consellería de Medio Rural e Mar e a Axencia Galega de Innovación. Como lembraremos, Videoguard diríxese a dar forma a un sistema de videovixilancia intelixente para a prevención e persecución da pesca e do marisqueo ilegal na nosa costa. No caso concreto desta iniciativa galega, Coremain subministra xestión global e responsabilízase das tarefas relacionadas coas plataformas de xestión.
En Código Cero tivemos oportunidade de falar con Luís Álvarez Sestelo, director xeral da empresa emprazada no Polígono de Costa Vella de Santiago, para que nos subministrase máis datos sobre o cometido da compañía nesta fronte público-empresarial contra o furtivismo na nosa costa. Isto é o que nos contou.
-Sen dúbida un dos puntos máis interesantes do desenvolvemento de Videoguard é o feito de que estean participar no proceso varias empresas, centros de investigación e entidades públicas da nosa terra. Coremain é unha das empresas que están a pór en xogo a súa experiencia na consecución e aplicación de Videoguard. En que consiste exactamente a contribución de Coremain?
-Coremain é líder do consorcio. Isto responde a que polo seu carácter de gran empresa, asume o papel de tractor de firmas máis pequenas da nosa contorna. Se baixamos a niveis máis técnicos, Coremain aporta a súa experiencia de máis de 20 anos en desenvolvemento de aplicacións de xestión para entidades públicas e privadas, e no proxecto, ademais da coordinación, leva os paquetes de desenvolvemento da plataforma de xestión dos contidos audiovisuais.
-Que valor lle atopades á colaboración público-privada que se está a xerar arredor do proxecto Videoguard? Que beneficios lle veces a este tipo de colaboración, neste caso concreto financiada con Fondos Innterconecta? Como valorades este xeito de traballar?
-Se revisamos a características completas deste proxecto vemos que parte dunha necesidade real da economía galega, contrastada polo consorcio cas autoridades pertinentes. Por unha banda, ten un consorcio con experiencia complementaria: infraestruturas de telecomunicación, desenvolvemento de plataformas de xestión, integración de sistemas de comunicación e almacenamento, videovixilancia. Por outra banda, busca un uso eficiente des infraestruturas, evitando novos despregues e aproveitando os actuais. Con todo isto, e a colaboración dun dos centros de coñecemento de referencia da nosa comunidade, a foto é perfecta.
Respecto aos beneficios, Galicia precisa de elementos que aceleren a colaboración empresarial. Durante moitos anos as empresas preferían traballar soas; actualmente, o entorno económico precisa que as entidades compartamos os riscos. É o que ocorre neste proxecto. Ademais, a axuda económica do programa reduce inda máis ese risco, pois non podemos esquecer que estamos a falar dun proxecto de Investigación e Desenvolvemento e innovación (I+D+i). Para Coremain, esta é a forma de traballar. Como exemplo, dos proxectos lanzados no ano 2013 pola compañía, case todos eles foron en colaboración con outras empresas.
-Respecto aos Fondos Innterconecta, que oportunidades considerades que abren?
-Como dicía, é unha forma de reducir o risco das empresas á hora de afrontar proxectos innovadores, forzando ademais a colaboración empresarial. Preocúpanos que os centros de coñecemento poidan velos como unha forma sinxela de ter ingresos, pola obriga que temos as empresas de subcontratar o 15% a este centros, e deixen de lado o que considero debe ser a súa finalidade básica: xerar coñecemento de valor para que non sexa un 15% senón un 20% ou un 50% o que lles subcontratemos.

PUBLICIDADE