Coremain, nos novos encontros de Microsoft

venres, 30 de novembro do 2018 Redacción

A empresa galega Coremain vén de participar activamente na nova edición Microsoft Tech Summit Madrid, un referencial punto de encontro para os profesionais das tecnoloxías da información do ámbito estatal e europeo, coas tecnoloxías do xigante de Redmond no punto de mira pero tamén outras complementarias. Á cita asistiron, por parte da firma galega, Manuel Candal (Industria) e Ramón Piñeiro (BPO). Segundo informa Coremain, a Intelixencia Artificial e as aplicacións de Microsoft Cloud protagonizaron o programa da xornada, na que se deron a coñecer algúns proxectos salientábeis en materia de innovación de grandes compañías, como Repsol, Aenor ou A Liga Española de Fútbol Profesional.
Amais, no transcurso do evento achegáronse recursos para o intercambio de impresións, coñecemento e capacidades tecnolóxicas, dándose a coñecer as últimas novidades de provedores e partners. Segundo explican dende Coremain, “grazas a encontros coma este, con análises das oportunidades que nos ofrecen novos desenvolvementos tecnolóxicos, as novas integracións de servizos, e a rede de sinerxías que establecemos con outros axentes, conseguimos mellorar de continuo as nosas solucións para ofrecer sempre aos nosos clientes produtos da máxima excelencia”.
Porén, non foi a única colaboración recente de Coremain con Microsoft. De feito, o equipo de sistemas de planificación de recursos empresariais (ERP), como parte do QBS Group de Microsoft, asistiu a pasada semana a un novo encontro #QBShare, co obxectivo de coñecer as novidades relativas a Dynamics 365 e as novas oportunidades de negocio que este paquete de ferramentas de xestión empresarial intelixente de Microsoft poñen en xogo. Felipe Pérez e Francisco González, da área de ERP da firma galega, asistiron en representación de Coremain ao evento bianual celebrado nas oficinas de Microsoft en Madrid. Durante o encontro puideron descubrir as últimas novidades de Microsoft Directions.

PUBLICIDADE