Cortana inicia a súa beta pública para Android

luns, 24 de agosto do 2015 Marcus Fernández

O asistente virtual de Microsoft, tras pasar dos teléfonos con Windows Phone a ordenadores con Windows 10 tiña pendente saltar a novos dispositivos móbiles, tal e como anunciou a compañía de Redmond en maio, de xeito que pretende estar dispoñible para iOS e Android, abríndose hoxe a súa beta para usuarios de Android, inicialmente nos EE.UU. e espallándose internacionalmente de xeito progresivo.
Deste xeito, os usuarios de Android xa poden comezar a gozar de Cortana, facendo dende o móbil moitas das funcións que xa viron no ordenador, como programar recordatorios, buscar na web, facer un seguimento de información importante, programar alarmas, realizar chamadas mediante ordes orais ou ditar mensaxes de texto.
A versión para Android está moito máis limitada que a de Windows Phone, xa que non forma parte do sistema operativo de Google, pero co programa de probas (ao que xa podemos inscribirnos) pretender seguir mellorando a aplicación para converterse nun servizo de grande utilidade.

PUBLICIDADE