Coruña Bloggers, un novo encontro mensual de blogueiros coruñeses

luns, 9 de maio do 2016 Marcus Fernández

As inquedanzas do xornalista e blogueiro Manolo Rodríguez levárono a promover unha interesante iniciativa, Coruña Bloggers, un novo punto de encontro para os blogueiros da Coruña, con independencia das temáticas das súas bitácoras, sen pechar as portas a interesados no mundo dos blogs. Esta actividade botará a andar presencialmente o vindeiro 25 de maio ás 19:30 horas en Bergin Afterwork Bar, un bar no centro da cidade no que pretenden que esta cita poda repetirse os últimos mércores de cada mes.
Estes encontros estarán formados por unha charla de 15 minutos (máis preguntas) dun blogueiro da Coruña, outra charla de 30 minutos (máis preguntas) dun blogueiro recoñecido (tanto poderán ser blogueiros galegos que acudan en persoa como blogueiros do resto do Estado que participen mediante videoconferencia) e completarase cada sesión co seu correspondente tempo de networking. Os relatorios estarán relacionados co mundo dos blogs, con consellos, trucos, recomendacións... nas que os oradores compartan os seus coñecementos e experiencias cos asistentes.
Esta actividade quere ter unha finalidade solidaria, así que a asistencia será de balde, pero perséguese que os participantes acudan con, como mínimo, un quilo de comida que logo entregarase na Cociña Económica, que durante o pasado ano atendeu a máis dun milleiro de persoas.
A páxina web de Coruña Blogger, desenvolvida por Pasquino Comunicación, tamén destaca por incluír unha relación de blogs coruñeses, que neste momento recolle un total de 86, e que serve así para facerse unha idea da dimensión da blogosfera herculina, así como do amplo abano de participantes cos que poderá contar esta nova cita mensual.

PUBLICIDADE