Culturgal 2014 fará especial fincapé nas novas formas de financiamento impulsadas ao abeiro da Rede

luns, 14 de abril do 2014 Fernando Sarasketa

A semana pasada a organización de Culturgal deu a coñecer as datas previstas para a seguinte edición (a sétima xa) do salón da cultura galega e, de xeito tanxencial, dunha boa parte da nosa creatividade tecnolóxica. Culturgal elebrase ao longo de tres xornadas, do 7 ao 7 de decembro, e incluirá “novidades importantes como a incorporación dun espazo dedicado á gastronomía e o establecemento dunha entrada de pago para o público xeral”. Así, esta será a primeira vez en que se habilite un emprazamento específico dentro do recinto feira del Pontevedra para todo o relacionado coa nosa cociña e os nosos produtos, piares indiscutíbeis (tamén) da nosa cultura. Haberá ao abeiro deste espazo presentacións literarias, musicais, teatrais e mesmo espectáculos de cociña en directo. E amosarase en detalle o que poden facer as redes e os seus sistemas pola nosa cultura en xeral.
Outra das novidades, como dixemos, radica na metodoloxía elixida para recadar fondos: a elección do método de pago. Deste xeito, cada visitante adulto deberá aboar unha entrada de 2 euros para acceder á feira, un prezo que será de 1 euro para os cativos. Este tipo de medidas son unha resposta urxente á caída progresiva e continua de apoios públicos para o salón, ao que cómpre engadir os efectos que a crise económica tamén está a provocar no noso sector cultural e creativo.
Por outra banda, e seguindo este fío de metodoloxías para convocar o apoio directo da cidadanía, esta vindeira edición de Culturgal semella que será unha edición moi centrada no crowdfounding, que, como saberemos, é unha técnica cada vez máis espallada, con fondas raizames nas redes, dirixida a favorecer o achado de mecenas en liña, pequenos investidores e produtores, para todo tipo de proxectos culturais que doutro xeito ficarían para sempre no limbo da idea (e non da plasmación nunha realidade). Neste senso, a directiva do Culturgal, cuxa presidencia ocupa desde principios de ano o presidente da Asociación Galega de Editores, Manuel Bragado, avanza que na edición de 203 xa entraron con forza estas liñas de traballo no ámbito cultural (crowdfounding, cooperativismo e emprendemento na contorna rural), e todo indica a que centrarán boa parte as actividades na seguinte entrega da feira cultural. Segundo avanzan os responsábeis do salón, “en 2014 Culturgal quere seguir sendo reflexo das novas formas de operar na cultura, ademais de escenario de estreas e novos proxectos como vén sendo habitual”.
Lembrar que o programa xeral 2013 contou con 151 actividades: espectáculos infantís e teatrais, presentacións de libros e plataformas tecnolóxicas, concertos, cinema e webseries, etc, ás que sumar todas as xeradas polos propios expositores. As convocatorias 2014 para solicitar stand e presentar propostas de actividades abriranse antes do verán.
Culturgal 2014 procura ademais novos patrocinios. Na actualidade a Feira conta con dous importantes apoios: o da Xunta de Galicia e o do concello de Pontevedra. Así mesmo conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra a través da imprenta provincial. En 2012 e 2013 o Ministerio de Cultura contribuíu á organización da Feira con 25.000 euros, partida que non se mantén ao estar limitada a dúas anualidades. Neste momento xa se puxeron en marcha encontros e conversas con diversas empresas galegas co ánimo de que sexan parte do Culturgal.

PUBLICIDADE